«Queremos moitos Carlos Casares máis»

O alcalde glosou ao autor homenaxeado no Día das Letras «como un dos imprescindibles da literatura galega do século XX»


18/05/2017 21:23 h

O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, reafirmou onte na Festa das Letras «a vocación galega de Pontevedra, galeguista e galeguizadora».

Nun discurso reivindicativo glosou a Carlos Casares como «sobranceiro persoeiro da Galiza contemporánea, escritor, editor, columnista e divulgador da nosa lingua, co que Pontevedra ten unha relación de especial agarimo».

Lores lembrou que a súa relevante figura forma parte da escultura que na Praza de San Xosé reproduce a tertulia que une a cinco intelectuais do século XX, «pero tamén, e non é un motivo menor, porque hai pouco naceu aquí unha nova pontevedresa, que sería a súa neta, xa que entre nós vive e traballa o seu fillo Christian», engadiu o alcalde.

Referiuse tamén ao autor homenaxeado este ano no Día das Letras como «escritor galego moi lido grazas á ampla difusión das súas novelas e os seus artigos en La Voz de Galicia».

«Casares sempre será un dos imprescindibles da literatura galega do século XX e a mellor homenaxe que podemos facer a un escritor é ler a súa obra» dixo.

Máis galego

«Queremos moitos Casares máis na nosa literatura; queremos máis vida intelixente en galego, máis oportunidades para a nosa lingua, máis azos para a nosa cultura», concluíu Fernández Lores despois de rexeitar os impulsos globalizadores que pretenden relegar o galego «ao papel dunha irmá pobre e desamparada».

A praza de Curros Enríquez volveu a ser onte o escenario do acto central do Día das Letras Galegas en Pontevedra, grazas a implicación da Asociación Sociocultural O Burgo, que cada 17 de maio alfombra este céntrico espazo urbano para que toda a cidadanía poida celebrar esta data coa dignidade que merece.

O seu presidente, Manuel Lavía, tras a benvida ao numeroso público que se congregou na praza, deu paso a un recital poético que contou coas voces de varios membros da asociación, entre eles, Pilar Barajas, Xosé Freire, Xosé María Barreiro, Rosalía Barreiro e Xosé Benito Pérez García.

As actuacións da Coral Polifónica de Sobradelo e do Coro do Burgo contribuíron a dar solemnidade ao acto, igual que a Banda de Música de Pontevedra que pechou a celebración coa interpretación do himno galego.

A figura de Carlos Casares foi o motivo principal da alfombra que presidiu a praza de Curros Enríquez, feita con pétalos de flores e outros produtos naturais, como conchas de mar, carozos de mazorcas trituradas e grans de arroz.

Votación
0 votos
Comentarios