Números e sinais de identidade

Carlés ADESTRADOR

PONTEVEDRA CIUDAD

06 dic 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Os números son fríos, obxectivos, medibles e no fútbol gardan relación co sistema de xogo que emprega cada equipo onde os xogadores deben ser os protagonistas e no partido do domingo os dous equipos reflectiron no campo diferentes debuxos. Sempre como argumento para mellorar unha situación pouco favorable. O Pontevedra ao inicio do segundo tempo e o Boiro co marcador adverso.

Pero o fútbol entende de todo menos de cuestións frías. É aquí onde cobra tremenda importancia o equipo técnico. Aspectos coma o posicionamento, a intensidade defensiva e ofensiva, o ritmo ou a mobilidade ofensiva fixeron que na segunda parte o Pontevedra pasara por encima do Boiro, independentemente ou coa axuda do troco de sistema.

Se tivera que definir cunha calidade, co risco de ter unha visión reducionista, esta impresionante xeira de resultados do Pontevedra na casa, destacaría sobre todo a intensidade e o ritmo de xogo do equipo de Luisito. Este concepto ten os seus piares nunha moi boa condición física, que será capital manter dun xeito máis ou menos estable ao longo da tempada.

A calidade diferencial do Pontevedra en campo contrario creo que ten marxe de mellora. O que fai aínda máis meritoria a situación actual. Pero coa perspectiva de seguir crecendo en aspectos coma o desborde en estático con equipos posicionados, mobilidade ofensiva e finalización.

O que queda é manter os aspectos positivos e seguir mellorando para que en Pasarón o número de espectadores sexa cada vez maior, contaxiado por eses sinais de identidade que ten o equipo.