Culturgal xa pensa na edición do 2017

Alfredo López Penide
López Penide PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA CIUDAD

Ramón Leiro< / span>

Preto de quince mil persoas achegáronse este fin de semana ao recinto feiral

05 dic 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

O Culturgal volverá o vindeiro ano a Pontevedra e, de novo, o fará na primeira fin de semana do mes de decembro. Así, o confirmou onte a organización da Feira das Industrias Culturais de Galicia: «O equipo xa ten a cabeza no 2017 para celebrar o décimo Culturgal, que terá lugar do 1 ao 3 de decembro no Pazo da Cultura».

O presidente do certame, Manuel Bragado, destacou que é evento «consolidado e establecido no calendario». Non deixou pasar a ocasión de apuntar a súa «utilidade social no que está testada a alianza entre industria, institucións e públicos e na que se mostran formatos e fórmulas colaborativas entre diferentes axentes».

Proba do interese que esperta entre o público é o feito de que nesta novena edición, organizada baixo o lema de Cultura, comunidade, futuro, estimouse que unhas quince mil persoas acudiron ao recinto feiral de Pontevedra. Trátase dunha cifra moi semellante á que se rexistrou o pasado ano.

Neste sentido, a organización resaltou que xa quedaron atrás as etapas de lanzamento e consolidación: «Xa podemos dicir que hai nenos que creceron co Culturgal», salientou Bragado. Polo tanto, a feira adéntrase nunha sorte de idade adulta na que, segundo confirmou o presidente da mesma, terá que afrontar novos retos. «Estamos convencidos da necesidade de abrir e proxectar Culturgal fóra, interactuar con outros ámbitos e debuxar novos horizontes. Desde Pontevedra, cidade na que esta feira medrou e consolidouse, sentímonos e percibímonos como unha comunidade».

Na xornada de clausura, entre as actividades programadas, as presentacións de Sicixia, o novo proxecto cinematográfico de Ignacio Villar, director de A esmorga, e da tradución ao galego que fixo Xesús Fraga, xornalista de La Voz de Galicia, de Un monstro vén a verme, obra de Patrick Ness.