«Nos textos das Irmandades hai cousas intragables e marabillas»

Carmen García de Burgos PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA CIUDAD

. marcos míguez

Cadros, gafas, manuscritos e así ata 130 obxectos integran a mostra que lembra o relevante papel das Irmandades da Fala

20 sep 2016 . Actualizado a las 05:05 h.

Pepe Barro (Pontedeume, 1955) comisaría a mostra que homenaxea o movemento no seu centenario, e que estará no Museo ata o 2 de outubro.

-¿Non tardou moito en chegar unha exposición sobre as Irmandades da Fala?

-Si, pero eu creo que se agardou o centenario e creo que é oportuno reservar todos os fogos para esa ocasión. Sobre todo porque hai certa confusión entre o que son as Irmandades da Fala e o Partido Galeguista, e todo parece o mesmo. Pola contra, as Irmandades son só 16 anos, porque a partir do ano 31, precisamente en Pontevedra, créase o Partido Galeguista, e iso xa é outra era, porque estamos xa na República, e todas as tensións, problemáticas e tamén o mundo de liberdades que existe é moi diferente ao período anterior. Son as Irmandades as que sentan todas as bases, non só da moderna política galega, da de hoxe mesmo, senón da moderna: literatura, arte, e todo iso intenta ser dunha maneira sintética a exposición que se presenta no Museo.

-¿É posible resumir que lle debemos ás Irmandades?

-Nós tentámolo na exposición a través de dez temas, que tamén poderían ser doce, polo espazo e para que o público non quede cun empacho mental. Cada un é un aspecto das Irmandades, tenmos dende temas políticos, como o arranque da cousa, que é a lingua: decátanse de que non se fala galego, malia que se defende, e iso axiña os leva a plantexamentos políticos más amplos, que os levan a definir o país no que viven, que non é España, é Galicia. E que, por tanto, ten unha serie de dereitos e de problemas aos que os partidos españois non dan resposta e que se poden abordar dende un partido galego. Pero axiña tamén descobren que hai que poñer a andar unha cultura, porque non temos teatro nin música, que son fundamentais para eles. Hai unha frase na que Vilar Ponte di: «Para nós ten máis valor un coro galego que un deputado en Cortes por Galicia». Daí a importancia que lle dan as artes escénicas e que fosen quen de crear unha ópera e representala. Para eles a cultura e a política son o mesmo. E todos se meten a escribir; naturalmente, hai cousas que son intragables, pero afortunadamente de entre moitos que proban fortuna na prosa aparecen marabillas.

-Dicía na inauguración Goretti Sanmartín que o papel das mulleres aínda non está recoñecida do todo.

-Si, onde aparecen documentos son escasos, non está estudado a fondo, pero por exemplo no manuscrito da asemblea de Lugo do ano 18 aparece un epígrafe de problemas políticos, e o primeiro é a igualdade de dereitos para a muller. Coñecemos algunhas, como María, Moramontes, muller de Ánxel Casal, que xa era das Irmandades antes de casar con el, e que tivo un papel fundamental nas escolas de ensino galego. E a bandeira da Irmandade da Fala da Coruña faise porque a custea a Irmandade feminina.