«No monte hai un potencial considerable que hai que pulir»

Alfredo López Penide
López Penide PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA CIUDAD

Recoñece que moitos pontevedreses viven de costas ao monte: «Non sei se é unha consecuencia de vivir no litoral»

19 jul 2016 . Actualizado a las 05:10 h.

Aos seus 27 anos, o pontevedrés Iván Pérez Berjano tomou o relevo de Carlos Morgade ao fronte da mancomunidade de montes de Pontevedra, un cargo ao que chega «con gañas, pero, ao mesmo tempo, con nervios».

-¿Asustado?

-Non, non é a palabra. Cando se colle algo de responsabilidade, canto menos a palabra é respeto. No monte hai un potencial considerable que hai que pulir e dar a coñecer a nivel social.

-A vista disto, ¿cales serían os seus retos a medio e longo prazo?

-Como dicía, sacar o potencial que garda, xa sexa a nivel produtivo como a nivel conservacionista, pero tamén no ámbito lúdico e no educativo. O monte pode dar moitos postos de traballo, ademais da súa importancia a nivel ecolóxico e ambiental. Non hai que esquecer que é de onde provén a auga que bebemos, onde se depura o aire que respiramos e onde se producen as materias primas que empregamos.

-Da a sensación de que unha ampla parte da sociedade pontevedresa vive de costas ao monte.

-Si. Non sei se é unha consecuencia de vivir no litoral, porque os que somos do litoral somos uns bohemios que miramos cara o mar... Eu animo a non vivir de costas ao monte, senón subir a eles e abrir os ollos. Ser conscientes da amplitude da nosa contorna.

-Antes falaba da posta en valor, ¿que proxectos poden ir nesa vía?

-Agora mesmo trabállase a nivel educativo. Hai proxectos de colaboración con centros educativos. O obxectivo é por en práctica coñecementos adquiridos nas aulas dunha forma que os poidan traballar no seu entorno máis próximo. Tamén estamos vendo algo que en Pontevedra está tendo moito dinamismo, que é o do compostaxe. O principal problema dos lumes non é so que arda a vexetación, senón o que vén despois. A cinza fai impermeable o chan e as choivas do outono ou do inverno o arrastran e temos unha perdida de chan. Si en lugar de levar cerca do 80 % dos residuos a Cerceda para que se combustione, os aproveitamos, matamos dous paxaros dun tiro. Convertemos o residuo en valor e minimizamos o problema de fertilidade do chan. Igualmente, impulsaremos, porque eu son un mero represente dun colectivo, a recuperación do bosque autóctono.

-Non obstante, ¿algunhas comunidades son favorables aos monocultivos de eucalipto?

-Claro, depende da visión que un teña. Non son un inimigo do eucalipto, nin moito menos. Algo non é malo porque si, é malo a dose. Co eucalipto teño a percepción de que a nivel forestal nos atopamos nunha sorte de adolescencia. Nos anos 50 e principios dos 60, os montes comunais estaban esquilmados, pelados, e o eucalipto supuxo introducir unha especie que en dez anos reforestabas o monte enteiro. Foi como un bum, pero hai que seguir evolucionando e agora atopas os problemas que antes non se coñecían. Cando xestionas un monocultivo xorden problemas derivados das pragas, ademais de que en Galicia todos os veráns somos protagonistas polos incendios. Cunha boa xestión e con especies frondosas, por moito que quixeras prender non ardía.

-¿As comunidades de montes son grandes descoñecidas?

-Si. Hai moito descoñecemento e confusión. Pensan, por exemplo, que para ser comuneiro tes que ter unha parcela, cando só tes que ser veciño ou vivir máis de seis meses na zona. É unha figura que se está perdendo e por iso queremos achegala ao sistema educativo.

«O animal máis perigoso é o ser humano»

Unha das polémicas dos últimos anos foi a que mantiveron colectivos ciclistas con algunhas comunidades de montes. Tras apuntar que é unha cuestión sobre a que xa se está a traballar, Iván Pérez deixou claro que «a nosa idea é que haxa un uso recreativo, lúdico, festivo e de aproveitamento, pero coñecendo quen son propietarios, e non me gusta esta palabra, do monte».

-¿Onde reside o problema?

-O problema é cando non se respecta, como ten pasado, xacementos, camiños... Si hai calquera tipo de problema cunha persoa, é a comunidade á que van achacar a responsabilidade. ¿Queremos pórlle trabas á xente? Non. Queremos que haxa xente no monte, porque así quen vai roubar, quen vai facer verquidos ou quen vai facer caralladas o ten máis difícil. Hai que chegar a un entendemento para compaxinar o uso recreativo co uso respectuoso do monte. Un non pode ir por onde queira.

-Outra polémica foi a que manteñen con determinados propietarios de gando mostrenco...

-Si. Son animais que teñen donos, pero non queren seguir a normativa e identificalos. Non é so que rebenten plantacións, xa que é moi complicado compaxinar plantacións de pequeno porte con aproveitamentos de gando, porque esas frondosas son moi apetecibles, senón que tamén baixan a terreos agrícolas causando estragos e como veñen do monte, a culpa é dos comuneiros, e tamén está o problema da seguridade viaria. Tratas de chegar a acordos con esta xente e non hai forma cando a todos nos gusta ver cabalos polo monte. En todo caso, en Pontevedra, o animal máis perigoso é o ser humano. Ocasionan verquidos, rouban madeira, causan incendios... ¿Como controlas todo isto?