Figura fundamental para a revitalización da edición galega

Xesús Fraga
xesús fraga REDACCIÓN / LA VOZ

PONTEVEDRA CIUDAD

Sabino Torres
Sabino Torres CAPOTILLO

Morre Sabino Torres, o creador da primeira colección de poesía tras a Guerra Civil, na que saíron libros de Cunqueiro ou Manuel María

24 may 2016 . Actualizado a las 01:30 h.

Sabino Torres Ferrer dicía que o seu corpo estaba formado, polo menos nun 50?%, de libros. Era unha forma poética, el que tan vinculado se sentía aos versos, de subliñar a importancia da letra impresa na súa vida. Non só como editor, unha das súas facetas máis intensas, senón tamén como xornalista, escritor e, xa que logo, lector. Torres, nacido en Pontevedra o 24 de xuño de 1924, faleceu onte en Madrid, onde residía nos últimos anos. Dos seus inicios no xornalismo pasou a crear unha das empresas máis singulares da edición galega: a colección Benito Soto, a primeira que publicou poesía en galego despois da guerra, cun catálogo de quince títulos entre os que se inclúen autores como Cunqueiro, Pimentel, Manuel María, Cuña Novás e Xosé María e Emilio Álvarez Blázquez. A isto cómpre engadirlle o mérito de tirar do prelo estes libros sen a preceptiva autorización administrativa vixente no franquismo, o que rematou coa aparición de Musa alemá, unha antoloxía poética traducida por Celso Emilio Ferreiro, tamén director literario da colección. A obra foi retirada e destruída, a editora multada. Moitos anos despois Torres atoparía o expediente nun arquivo en Alcalá de Henares: a carpeta estaba baleira.

Torres puxo entón en marcha un seminario, Litoral, retomando os seus anos xornalísticos en publicacións como Finisterre ou Ciudad. Pero esta aventura tamén durou uns poucos anos e en 1959 cambiou radicalmente de actividade, para converterse en representante de materiais de construción. Aínda así, volvería á edición poética, cunha nova colección, Hipocampo Amigo, que, igual que Benito Soto, publicaba títulos en galego e castelán. En Madrid vinculouse ao grupo galego Bilbao, que recentemente o homenaxeara.

Autor lírico e dunha importante achega ao xénero memorialístico

O pasamento de Sabino Torres foi recibido onte con pesar pola Real Academia Galega, da que era membro correspondente, e da Asociación Galega de Editores, que o cualificou de «decano no seu eido», ademais de «figura irreemprazable da nosa lírica no século XX, respectado e apreciado referente intelectual, memoria crítica e vibrante da súa cidade». Isto último está recollido nos libros As tres columnas e mais Crónicas dun tempo escondido, que supuxeron valiosas achegas á literatura memorialística en galego, ademais do seu papel como testemuños da vida cultural galega e pontevedresa a mediados do século pasado. Como poeta estreouse en castelán en 1948 con Como el río, lingua na que recuncaría moitos anos despois, no 2010, con Versos para la bella Helenes; un poemario que se le, segundo Xesús Alonso Montero, como «un devocionario pontevedrés». Outros títulos de Sabino Torres foron Cuaderno de Carmen, Xograría nova, Intres de soidade e Trovas de Nadal, entre outros.