«Nesta lexislatura fallida botouse de menos a Galicia en Madrid»

Serxio Barral Álvarez
Serxio Barral PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA CIUDAD

RAMON LEIRO

O concelleiro de Mobilidade, Obras e Patrimonio Histórico afronta o reto das eleccións xerais

12 may 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Cumpríu 51 anos hai uns días, e Luís Bará Torres (Vilaboa, 1965) dáse por «plenamente realizado» coa súa traxectoria política, que arrancou no Concello de Pontevedra en 1995, tivo un pequeno paréntese durante a época do bipartito na Xunta, cando desempeñou labores de director xeral na Consellería de Cultura, e volve estar no Concello, con responsabilidades en Mobilidade, Obras e Patrimonio Histórico. Onte deu comezo a un novo reto: será o número 1 do BNG pola provincia de Pontevedra nas eleccións xerais do 26 de xuño.

-Presentarse nestas circunstancias, cando o BNG perdeu máis de 41.000 apoios na provincia o 20D, ¿non é un marrón?

-Precisamente nestes momentos é cando hai que estar, nos momentos difíciles.

-Pero no persoal, ¿que supón para Luís Bará concorrer a unhas eleccións xerais?

-Eu síntome plenamente realizado e feliz co traballo que estou a realizar no Concello, pero agora é o momento de dar o paso. É un reto novo que afronto coa máxima dedicación, ilusión e empeño. Formo parte do BNG, que é unha forza política que nunca tivo as cousas fáciles, polo tanto os retos, os desafíos, non son algo novo para nós.

-Vai haber que remar moito para obter representación en Madrid. Como mínimo, dobrar os 26.396 votos que obtivo Nos-Candidatura Galega en decembro.

-Comparados con aqueles resultados si vai ser difícil. Pero eu penso que a circunstancia agora é distinta. Ímonos presentar coa nosa propia marca [BNG, e non Nos-Candidatura Galega], que ao mellor foi un factor que en decembro dificultou un pouco o voto. Pero independentemente diso nós temos que facer valer o significado do BNG. Penso que hai unha parte do electorado que nesta lexislatura fallida botou de menos unha forza propia de Galicia en Madrid, e o BNG ten que ocupar ese espazo. Pero, dende logo, imos ter que facer un grande esforzo para intentar conseguir esa representación. Seguramente sexa necesario dobrar os votos de decembro, tal vez incluso un pouco máis, aínda que vai depender da participación, da abstención... É un reto moi difícil, pero non imposible. E eu teño unha máxima, que é que procurando o imposible é como se obteñen resultados.

-Dende o punto de vista local, que un membro do goberno de Pontevedra encabece a lista parece un respaldo á xestión, ao xeito de facer política do BNG nesta cidade.

-Non so iso, senón que temos unha comarca moi potente dentro do nacionalismo en canto a presenza institucional, a alcaldías, a militancia e a representación política e social. Creo que é un respaldo o labor que se está facer nesta comarca, e espero que electoralmente se note tamén ese respaldo. E claro, Pontevedra, xunto con Allariz, son os dous grandes modelos de política municipal do BNG.

-O de Luís Bará é un dos nomes que sempre aparecen cando se fala da futura sucesión de Fernández Lores. ¿Esta candidatura o reforza?

-Iso non me preocupa nada, non é un asunto que estea enriba da mesa. Primeiro, porque temos un líder, un alcalde, que está pletórico. En todos estes anos nunca o vin con tanta ilusión, con tanta dedicación e con tantas ganas de seguir adiante. E iso é porque o traballo vese recompensado, sobre todo pola xente que che para na rúa. En segundo lugar, porque o BNG en Pontevedra ten un equipo no que hai múltiples posibilidades de relevo. Cando toque, que será dentro de moito tempo, non vai ser un problema.

Luís Bará cabeza de lista do BNG ao congreso