Doce anos convertendo maio nun oasis para a lingua galega

c. p. PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA CIUDAD

CAPOTILLO

O Concello presentou onte o ambicioso programa do ciclo Maio mes da lingua

30 abr 2016 . Actualizado a las 05:10 h.

O Concello de Pontevedra quenta motores e presentou onte o ambicioso programa do ciclo Maio mes da lingua. Mais de dúas decenas de actividades que terán por obxectivo a dinamización e a posta como protagonista á lingua galega, a lingua nosa.

Alcanzando a súa edición número doce, o programa vese intenso e diverso, mesturando actividades de diferentes xéneros artísticos e sociais, dende o cine ata a música, pasando polo teatro, a poesía e os roteiros. Case tódolos días do quinto mes, que comeza este vindeiro domingo, haberá actividades para os veciños da cidade do Lérez. A tradicional Festa dos maios, será a encargada de darlle o empurrón que este mes necesita.

No horizonte próximo, a XVIII Mostra de Teatro Ben Veñas, Maio; será un dos principais eventos. Os grupos de teatro dos centros educativos da cidade porán o seu talento sobre as táboas do Teatro Principal, no corazón da vila. O día 7, o Certame Ben Veñas, Maio; volverá encher de son o Pazo da Cultura co concurso de música, e a entrega de premios dos certames de fotografía, banda deseñada, narración curta, poesía e música.

Os bebés tamén terán o seu oco no mes da lingua, cun obradoiro de Apego, baixo o título Prende no Colo, composto por cantigas, contos de dedos e cantos de berce. Será o domingo 8. Tamén este día realizarase un roteiro ao monte Castelo.

Ao longo das seguintes semanas realizaranse proxeccións, no Teatro Principal, da man do Cineclube de Pontevedra, así como presentacións de libros e coloquios con autores.

Un dos puntos álxidos do programa sucederá a mediados de mes, coa celebración do Galegote Rock. Este ano o festival realizarase ao longo de tres días, o 12, 13 e 14 de maio; e levará a diferentes locais e prazas da cidade, a mellor música cantada en galego. Camaarada Nimoy, O Cadelo Lunático, Davide Salvado, Sokram, Champurrada ou a Familia Caamagno porán a súa música a servizo dos veciños da cidade, nun evento que repite o exitoso formato do ano pasado.

Para a revisión de todo o programa e máis información, pódese consultar a web www.pontevedra.eu ou chamar ao Servizo de Normalización Lingüística de Pontevedra, no teléfono 986 863 157.

O Concello quere, con esta nova edición, volver a por o galego como eixo central dunha programación ecléctica e destinada a tódalas idades. Así, Maio mes da lingua, preséntase coma unha forma de dinamización efectiva que busca a normalización do galego, e a súa aplicación en calquera ámbito social e cultural.