«Nunca teño plans previos e cando os fago nunca os respeto»

La Voz

PONTEVEDRA CIUDAD

RAMON LEIRO

A premio nacional de literatura infantil e xuvenil presenta o libro emblema do salón pontevedrés, do mellor de España

16 feb 2016 . Actualizado a las 05:05 h.

Ledicia Costas (Vigo, 1979) asegura, mentres presenta o libro de referencia do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra, As peripecias de Extravaganzza Pérez, ue o evento é a envexa de moitos outros de toda España.

-¿Quen é Extravaganzza Pérez e como nace?

-O Concello de Pontevedra e o Salón do Libro Infantil e Xuvenil, propuxéronme escribir un libro exclusivo para o salón. A única premisa que tiña como punto de partida é que fose un libro que xirase arredor dos animais, xa que este ano o lema do salón é Canta bichería. A partir de aí empecei a traballar e construín esta historia, que está protagonizada por unha nena que ten unha minusvalía: un problema moi grave de visión. De feito, nace coas lentes postas, porque o seu corpo é moi sabio, para compensar un pouco ese problema. É unha historia, sobre todo, de superación, dunha nena valente que, ademais dos obstáculos que se lle presentan, porque ten que emprender unha viaxe, supérase a si mesma, e eu creo que eso é o máis valioso.

-Di que ás veces lle gustaría ser Extravaganza...

-Si, emocionábame tanto coa historia, e tanto me entusiasmaba esa personaxe, que ás veces tiña a impresión de que eu mesma quería ser unha Extravaganzza, unha nena valente e capaz de romper barreiras, moi atrevida, afouta. Empaticei moito con Extravaganzza.

-¿Como se lle ocorreu?

-O meu proceso creativo é un pouco particular. Eu o único que tiña na cabeza é que quería que houbese un medio de transporte singular, especial, distinto, e que estivese gobernado por unha familia de flamengos, e que a protagonista fose unha nena e que emprendese unha viaxe. E partir de aí xurdiu unha historia que se foi creando a si mesma a medida que eu estaba escribindo diante do ordenador. Nunca teño plans previos, e cando intento telos nunca os respecto, co cal xa paso de plans e vou directamente á acción , e esta transcorreu diante do ordenador.

-¿Ten algo en común Vila Soño con Pontevedra?

-Hai un lugar que sae, que é a Illa das Esculturas, que aí si que hai un vínculo directo con Pontevedra, unha illa dunhas esculturas que está dentro do libro. Vila Soño é un lugar ficticio, podería ser calquera vila así un pouco peculiar que haxa en Galicia. Obviamente, a historia está ambientada en Galicia, pero é un lugar inventado, pertence totalmente ao mundo da ficción.

-¿Ten algo que envexar o Salón do libro de Pontevedra a outros que visitara?

-Eu creo que é do revés, que outros salóns que hai por aí seguro que envexan o Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra. O que pasa é que, ás veces, a cultura galega e Galicia como pobo, somos un pouco queixóns. Sempre nos estamos laiando e ás veces nos cremos que somos menos cos demais, e non somos conscientes do ben que se fan aquí as cousas. E, en concreto, o salón é un salón para estarmos orgullosas e orgullosos, de verdade que si; é un referente, sempre está á última na modernidade, pensando no futuro, nas novas propostas, atentas a que se está a facer noutras partes do mundo, e fan un traballo brillante.

-¿Cambia moito a vida despois de gañar o Premio Nacional de Literatura Infantil?

-Si cambia... un 200 %, para ben. Ábrense portas coas que non contabas.