«Ao poder político non lle interesa coñecer a realidade»

PONTEVEDRA CIUDAD

O maxistrado ten claro que a reforma penal «ensáñase coas capas máis desfavorecidas», así como que «non é eficaz»

03 jul 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Vintecatro horas despois da entrada en vigor da reforma do Código Penal, o maxistrado pontevedrés Xermán Varela Castejón participou onte no curso da UNED no que abordou «a nova regulación das faltas, da extensión da súa penalización e os, baixo o meu punto de vista, erros na reforma do procedemento». O titular do Xulgado de Instrución número 2 remarcou que «a maioría das faltas seguen existindo. É falso. O que se fixo foi cambiarlles o nome e aumentar a pena. Agora chámanse delitos leves e de 42 que existían, so 17 son despenalizadas».

-¿Cales son, ao seu xuízo, os problemas da reforma?

-Un aumento xeralizado da resposta penal, un aumento punitivista inxustificado e que se ensaña especialmente coas capas máis desfavorecidas co incremento das sancións contra os pequenos feitos contra o patrimonio. Non so aumenta o castigo, senón tamén as consecuencias coa introdución de antecedentes penais. Se ben non provocan reincidencia, si que van ter consecuencias na vida das persoas para obter permisos de armas, de residencia, á hora de concorrer a determinadas oposicións, colexiarse como avogado ou, incluso, entrar nos Estados Unidos, que esixen un certificado de antecedentes penais. Non existe ningunha xustificación, non é eficaz e ten un alto contido de política simbólica.

-¿Lexislase a golpe de titular?

-Sen dúbida. Estase respondendo a titulares inmediatos sen análise do que hai de fondo, pero tamén se están a provocar titulares de supostos problemas de seguridade pública que non se corresponden con ningún estudo sobre delincuencia, que, por outro lado, son escasos en España. Son moi difíciles de facer porque non hai unha boa estatística e ao poder político non lle interesa coñecer a realidade social sobre a que lexislan.

-¿Como se pode explicar que España sexa un dos países máis seguros de Europa e teña a maior taxa de reclusos ou un dos códigos penais máis duros e restritivos?

-Porque se empregan as reformar do dereito penal para esconder outros problemas. Utilízanse para aparentar unha loita contra o crime cando non é eficaz, senón que si o sería a reorganización e aumento de medios. O único que conseguimos é aumentar a poboación penitenciaria provocando máis dor e sufrimento en máis persoas e dificultando calquera tipo de tentativa de tratamento.

-¿E a prisión permanente revisable?

-É un acto simbólico que nos afasta dos mínimos humanitarios e democráticos dun dereito penal. Supón almacenar a unha persoa sen darlle ningunha opción minimamente plausible de saída. O único que fará é aumentar a poboación penitenciaria, pero dunha poboación consciente de que non poderá saír do cárcere, faga o que faga, nun período tan longo como 25 años. Parece doado comprender que unha persoa nesas circunstancias, non é unha persoa especialmente posicionada para someterse a un tratamento. 25 anos para a primeira revisión é unha cifra que en Alemaña foi considerada inconstitucional e inaceptable. Míntese cando se di que noutros estados de Europa teñen esta medida, porque neses téñense en conta uns condicionantes que fan que as penas efectivamente cumpridas sexan a metade das do estado español.

-Non deixa de ser curioso que entre en vigor esta reforma o mesmo día que a nova Lei de Seguridade Cidadán ou Lei Mordaza.

-Non é casualidade. Non é que entren en vigor ao mesmo tempo e que impliquen ambas unha concepción da orde pública e das funcións do Estado peculiar e, eu creo, con tintes autoritarios. É significativo que se adiantara a súa entrada en vigor ao que é habitual e que se aprobaran co único apoio do PP. Probablemente, as citas electorais posteriores ao verán teñen algo que ver.

xERMÁN VARELA XUÍZ DE INSTRUCIÓN EN PONTEVEDRA