Luis Rei: «Fago ximnasia por prescrición médica»

Cristina Barral Diéguez
cristina barral >PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA CIUDAD

Escritor e xornalista, o cabeza de lista da Marea bota de menos un cine que non sexa de «sota, cabalo e rei» e admite que el tamén deixa libros sen rematar

22 may 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Fai unha táboa de ximnasia todos os días. «Fágoo por prescrición médica porque teño unha hernia de disco, pero se converteu en agradable». Luís Rei (A Coruña, 1958) reitera que é unha persoa do común, nada diva, que decidiu dar un paso á fronte e ser a cara máis visible de Marea Pontevedra. Di que non sente envexa san da Marea Atlántica da Coruña, aínda que si está contento cos éxitos que lle presupoñen as enquisas. «Alégrome porque por primeira vez me vou identificar co alcalde que teña A Coruña despois do 24 de maio», contesta. Escritor e xornalista, este home «que camiña ao lado dos demais» dálle a esta etapa política no persoal, no mellor dos casos, oito anos. Non bota de menos o barrio de San Roque, a súa primeira residencia na cidade, e comenta que está ben en Mourente. Non é dos veciños desta parroquia que non teñen saneamento, pero o que non ten é abastecemento de auga nin recollida selectiva de lixo. «A de Mourente é a casa na que fun feliz a na que sigo sendo feliz», aclara.

¿E cantos libros ten na súa biblioteca? «Non os conto, pero é grande, teño unha na miña casa e outra máis pequena nunha casiña en Muros na que paso os veráns». Calcula que serán uns 5.000 libros e admite que non os leu todos. «Co paso dos anos un non se sente na obriga de rematar os libros que empeza, aos autores contemporáneos concédeslle o beneficio da dúbida e les 50 ou 100 páxinas e se non, pasas, algo que cos clásicos non sucede porque son unha garantía de chegar ao final». Ten e-book. Foi un regalo, pero non o usa. É de ler en papel: «O papel para algunhas cousas xa morreu, as enciclopedias non se usan e hai un libro técnico e de consulta que tamén desapareceu, pero os libros que fornecen pracer a través da lectura sobrevivirán en papel». Amante do cine en pantalla grande bota de menos máis propostas non comerciais e subliña que «nunca pirateo».