O mellor xornalismo de Paz Andrade

redacción / la voz

PONTEVEDRA CIUDAD

La Voz ofrece o vindeiro día 17 un libro cunha escolma dos seus artigos, no que se achega a importante contribución do persoeiro á cultura

16 may 2012 . Actualizado a las 01:28 h.

Valentín Paz Andrade foi un home polifacético, pero a súa vocación primeira, e a que canalizou boa parte das súas actividades, foi o xornalismo, tanto como periodista como no seu papel de impulsor de iniciativas no eido da comunicación. Este labor pioneiro de quen recibe este ano a homenaxe do Día das Letras é o protagonista do libro que La Voz ofrecerá aos seus lectores o vindeiro día 17, polo prezo dun euro máis o custo do xornal, Valentín Paz-Andrade. Xornalista para un país. No volume achégase a importante contribución do persoeiro á cultura, industria e fomento do espírito democrático en Galicia a través dos periódicos o escritor e xornalista Tucho Calvo e o secretario da Real Academia Galega, Xosé Luís Axeitos.

Calvo examina o decisivo papel de dous proxectos como foron o diario Galicia e a revista Industrias Pesqueiras. O primeiro naceu o 25 de xullo de 1922, sorteou en decembro dese mesmo ano un intento de peche e finalmente chegou ao seu fin en setembro de 1926. Axeitos emparenta o espírito desta publicación con outras da Galicia do XIX, como La Oliva (Vigo) ou El País (Pontevedra) e tanto el como Calvo apuntan á intervención significativa de Castelao, como ilustrador e como humorista. Industrias Pesqueras, pola súa banda, foi un proxecto cunha orientación sectorial clara, que se centraba nos avances do eido marítimo.

Claro e ameno

Ambos os dous autores se achegan a esta faceta xornalística de xeito claro e ameno, contextualizándoo na visión máis global da súa biografía e obra.

Valentín Paz-Andrade. Xornalista para un país presentarase nun acto o vindeiro martes, día 15, na sede coruñesa da Real Academia Galega.