«En Ponte Caldelas ninguén renuncia ao balneario»

PONTE CALDELAS

RAMON LEIRO

Autor de dez libros, sobre todo relacionados coa arqueoloxía e a etnografía, onte presentou «Ponte Caldelas hace 100 años»

04 sep 2015 . Actualizado a las 05:15 h.

O seu novo libro é distinto aos anteriores, deixa a un lado os petróglifos nos que é un especialista e trata da historia da segunda década do século XX.

-¿Por que este libro?

-Levo adicado moito tempo á arte rupestre e chegou un momento en que quixen facer algo distinto. Apetecíame facer unha aventura. Un día por casualidade vin que no arquivo da Deputación había xornais locais de Ponte Caldelas e me dixen que había que facer unha historia sociolóxica daquela época, de 1913 a 1916.

-¿Como creceu a vila?

-Explícase en gran medida pola emigración e por unha serie de persoas que impulsan un comercio local interesantísimo. Había tendas de ultramarinos dotadas de todo, que poñían anuncios nos xornais e que facían referencia, en francés, aos seus produtos como Chartres, Benedictine e Champagne, e tamén ofrecían lentellas, garbanzo e todo o que necesitase a xente.

-¿Nótase o balneario?

-Nos anos que estudo xa ardera e estaba destrozado, pero aínda estaban os baños e as fontes seguían activas. Viñan os mellores augüistas daquela época, que eran os curas. O balneario vaise reconstruír logo e despois, non hai moitos anos tirouse. É a asignatura pendente, eu creo que ninguén en Ponte Caldelas renuncia a que cando as circunstancias o permitan iso se poña en marcha, porque as fontes están xa recuperadas.

-¿Como se viviu a Primeira Guerra Mundial nesta vila?

-Notouse moitísimo. Cando hai un conflito grande sempre hai xente que fai negocio, coa acaparación de bens para vendelos e provocar unha suba artificial das cousas. España declárase neutral e exporta todo o que pode, todo. Aquí houbo unha clase empresarial que fixo cartos a punta pala. En Ponte Caldelas nótase en que non hai semente da pataca, nin do millo porque hai quen a compra para vendela moito máis cara no mercado negro. Os prezos son moi altos e a inflación é galopante por esta acaparación de produtos. Ao final, o alcalde fai unha recolleita de semente e a pon a disposición dos agricultores.

-¿Entón se emigra máis?

-A emigración xa empezou a finais do século XIX, e outra das causas, ademais da fame, foi a Guerra de Marrocos, que a xente íase a América para evitala.

-¿Que queda daquel Ponte Caldelas dos primeiros 1900?

-Casas. Pódense ver escritas as datas: 1914, 195, e o trazado urbano de Ponte Caldelas, que se fixo daquela, e as estradas.

buenaventura aparicio historiador e antropólogo