A Festa da Lingua esténdese por todos os concellos da comarca

Elena Larriba García
Elena Larriba PONTEVEDRA / LA VOZ

POIO

CAPOTILLO

Pontevedra, Cuntis, Marín, Poio, Sanxenxo, Bueu e demais municipios teñen programados un cento de actos

13 may 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Cine, teatro, música, roteiros, certames literarios e fotográficos, propostas divulgativas, lecturas de textos, sesión de contos, carreiras populares, romarías... Máis dun cento de actividades arredor do idioma enchen a programación dos concellos, colexios, equipos de Normalización Lingüística e outras entidades culturais nestas semanas previas e posteriores á celebración do Día das Letras Galegas, dedicado este año ao escritor Carlos Casares.

Maio é o mes da lingua e todo xira en torno a ela. Este fin de semana a actividade intensifícase. Como acto máis destacado, hoxe, no Pazo da Cultura de Pontevedra celébrase o Certame de Música do programa Ben Veñas Maio, dirixido a promover o uso da lingua na mocidade. Neste festival musical participarán, a partir das cinco da tarde, seis grupos e solistas que fan música en galego. Unha vez rematado procederase á entrega de premios deste e outros concursos convocados, de fotografía, banda deseñada, narración curta e poesía.

C

untis

As Letras Galegas tamén están unidas a gastronomía de Cuntis, onde se celebra a ruta Gale-tapas polos locais da vila. Pero sobre todo, como en Pontevedra, a lingua dáse a man coa música. Este domingo celébrase a Homenaxe as Músicas e Músicos de Cuntis, con pasarrúas de varios grupos folclóricos, un acto oficial na Casa de Cultura Roberto Blanco Torres e a inauguración dunha exposición de fotos dos músicos de Cuntis ao longo da historia, seguida de diversas actuacións corais e dun xantar popular na Praza da Constitución.

Marín

Tamén este domingo, no Concello marinense celebrarase un concerto de corais coas actuacións de Lembranza, Frol Nova e Diapasón.

Ademais, nesta vila está en marcha o programa de Dinamización á lectura nos centros educativos con talleres sobre o autor protagonista das Letras Galegas 2017. Na Biblioteca Vidal Pazos están expostas e a disposición as obras de Casares.

Poio, Sanxenxo e Bueu

En Sanxenxo celebrase este sábado o Festival das Letras Galegas no CEIP de Portonovo, e o Culturagro regresa o domingo a Dorrón. É un foro de análise do agro galego, pero inclúe outras actividades culturais, como un obradoiro de gaita e una foliada final.

No Concello de Bueu, a Asociación de Sanamedio recuperará a súa tradicional Romaría das Letras coma unha homenaxe a Carlos Casares. Será o mesmo día 17 en Bon (Beluso), con pregón da poetisa Míriam Ferradáns, veciña da zona. Haberá actuacións musicais, un festival infantil e un concurso de debuxo, entre outras actividades.

Poio ten en marcha un concurso literario e unha exposición sobre Xaime Illa, e festexará o Día das Letras Galegas cunha carreira popular pola lingua, unha conferencia de Montse Fajardo, una representación de Avelino Teatro e a posta en escena da Galiña Azul, a cargo de Fran Rei.