«Temos moitísimo patrimonio somerxido»

Carlos Pereiro PONTEVEDRA / LA VOZ

MARÍN

XOAN CARLOS GIL

As historias do mar cobran vida en Marín grazas ás Xornadas Blanco Freijeiro, que se sucederán cada día ata o domingo

24 nov 2016 . Actualizado a las 05:05 h.

Reputado arqueólogo e unido á cidade de Pontevedra tralo seu paso polo Museo, Ramón Patiño ofrecerá mañá, ás 20 horas na biblioteca municipal Vidal Pazos, os seus estudos sobre naufraxios na ría de Pontevedra, dentro do ciclo Historias do mar, das XV Xornadas Blanco Freijeiro, organizadas polo Concello de Marín.

-Vostede é un auténtico historiador. Le, documéntase, publica os descobrementos e trata de aportar novos datos sobre o mundo que o rodea.

-É o que trato de facer. Ata o ano 90 traballei no Museo de Pontevedra como arqueólogo, e dende fai uns anos colaboro co Museo do Mar de Vigo. Fago o meu labor o mellor que podo... escribir e arquivar.

-E non para de arroxar novos traballos.

-Nos últimos anos publiquei Os tesouros de Rande, unha recompilación de todas as expedicións que se fixeron despois da batalla; e no 2015 saíu o meu traballo sobre naufraxios que se sucederon ao longo da historia nas costas galegas. Este último ano publiquei un libro sobre áncoras líticas, áncoras de pedra.

-¿Temos moitos tesouros esperando no fondo do mar?

-Según ao que lle chames tesouros pero... Si, temos moitísimo patrimonio somerxido de gran interese. Co descubrimento de América, moitas embarcacións ían parar ás Rías Baixas e viñan cargadas con mercancías moi valiosas. En Pontevedra estaba o San Andrés ou a Nosa Señora do Rosario, embarcacións que remataron aquí a súa viaxe e afundiron con boa parte da súa carga.

-¿Cal é o principal problema?

-Non saber o lugar exacto. En moitos casos hai documentos que aportan posicións, pero non aseguran o éxito na súa procura.

-¿É unha carreira contrarreloxo o atopar estas pezas? Por un lado temos a erosión natural e por outro a da propia xente que pode aportar información.

-Sen dúbida, a información que se perde entre familias ou historias mariñeiras, unha vez morre quen as coñece xa non se recuperan. De todas formas, o maior perigo son as construcións que se lle comen ao mar. Mesmamente en Marín, teño documentado embarcacións somerxidas sobre os seus ensanches.