«Todo o mundo agarda que chegue a Festa do Lacón»

c. pereiro CUNTIS / LA VOZ

CUNTIS

A cinco días da festa grande de Cuntis, os locais de hostalería preparan as súas neveiras e ultiman as últimas reservas

10 feb 2016 . Actualizado a las 05:05 h.

Rubén Navia rexenta o bar Don Manuel, en Cuntis. Seu pai, Manolo, foi o fundador e agora el vai herdando o negocio. Ademais, dende fai un ano, é o presidente da asociación de hostaleiros de Cuntis, un proxecto no que sempre viu posibilidades para a vila. O traballo estes días é frenético, de cara á preparación da Festa do Lacón con Grelos.

-¿Como vive un negocio hostaleiro un día como o desta festa?

-É obvio que da moitísima carga de traballo, a todos. Gústanos porque aínda que sexa unha festa organizada polo Concello, e ten certo carácter político, non ten unha cor concreta. Tanto Concello coma gremios traballamos para que saia adiante da mellor maneira posible.

-Non é unha oportunidade que se poida desprezar.

-Os gremios tentamos de aproveitala. Vén moita xente a Cuntis. Os supermercados venden, os restaurantes venden, as cafeterías venden... O Lacón inclúe unha serie de actividades que aproveitan o carnaval coma base e dinamiza moito a actividade do municipio.

-Ademáis, na hostalería, en xeral, sempre se describe como frouxa esta época do ano.

-Claro. Cuntis traballa moi ben, como case tódolos Concellos, os meses centrais do verán, entón nesta época coincide moi ben que exista a Festa do Lacón. Hai que recordar que o balneario por estas datas tamén pecha un mes, en xaneiro, e a vila nótao. Digamos que todo o mundo agarda que chegue este fin de semana do Lacón.

-Con todo, Cuntis non só se limita a unha festa. ¿Que outros eventos invitaría a ser visitados pola xente?

-Hai varias cousas que se fixeron nos últimos anos que iniciaron unha relación de colaboración entre Concello e hostalería coma o TapaLacón, o Primavera en Flor ou a Belle Époque. A nosa asociación naceu coa idea de promover eventos que levaran a Cuntis, ademais dos nomeados, a ser coñecida coma unha verdadeira vila termal. Non queremos dicir como facer as cousas, pero gustaríanos ser iniciadores de novos camiños. Queremos facer de Cuntis unha referencia, en augas e en entorno.

-E esta semana, ¿moita preparatoria?

-Moito traballo. Limpar grelos, patatas, facer filloas... O deste postre é un auténtico esforzo. Tamén hai que por a carne a desalar uns días antes.

-Terá que cadrar contas.

-Sí, a xestión de reservas. Nós xa fai dúas semanas que temos o restaurante cheo para o domingo.

-¿Paga a pena?

-É un día espectacular para traballar, pero todo ten que pasar por un pescozo de botella. Hai tensión estes días, pero unha vez que pasa, un queda encantado.