Xornalista e poeta, inscrito no galeguismo republicano de esquerdas (antes agrarista), é unha das figuras máis sobranceiras da prensa galega do seu tempo. Formouse como xornalista na Habana, cidade onde funda os semanarios La Alborada e La Tierra Gallega. Cando regresa a Galicia (1916), incorpórase ás Irmandades da Fala, das que será un membro destacado. Humanista de gran cultura, a súa prosa, sempre coidada, é aguda e combativa, utilizando o noso idioma cando colabora na prensa galeguista monolingüe do país: A Nosa Terra, Rexurdimento, As Roladas, Nós...
En 1930 reúne no volume De esto y de lo otro unha selección dos seus escritos xornalísticos. Como poeta, aínda que a maior parte dos seus poemas foron publicados en xornais e revistas, publicou o volume Orballo da media noite (Ed. Nós, 1929), colectánea de 31 textos de gran modernidade, de ton conceptual, filosófico e civil.
O seu compromiso político será a causa do seu asasinato en 1936.
* Obra
-Orballo de media noite, 1929
-De esto y de lo otro, 1930
Roberto Blanco Torres
*Cuntis, 1891 *Entrimo, 1936