Esdemga, de título propio a mestrado

Cristina Barral Diéguez
cristina barral PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

RAMON LEIRO

O posgrao en Deseño e Dirección Creativa en Moda que se estrea o vindeiro curso no campus xa ten cubertas a metade das prazas a falta da segunda convocatoria

25 jul 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Esdemga inicia este curso 2017/2018 unha nova etapa. Despois de dez anos, este título propio da Universidade de Vigo deixa de existir como tal ao transformarse nun mestrado. En concreto, o posgrao leva por título Deseño e Dirección Creativa en Moda. Persegue o desenvolvemento integral de competencias que capaciten para exercer actividade profesional en deseño, estilismo e/ou dirección creativa en moda. Trátase dun mestrado presencial que conta con 25 prazas. A primeira convocatoria, que tivo lugar o 21 de xuño, pechouse con 18 solicitudes. Delas, 13 pasaron á lista provisional de admitidos e 5 á de excluídos por diversos motivos (falta de certificación académica, falta de documentación ou titulación non afín). O 25 de agosto ábrese a segunda convocatoria.

O mestrado ten unha duración de dous anos e un total de 120 créditos. O programa formativo está centrado nas habilidades e ferramentas que precisan os deseñadores de moda contemporánea. Pretende ser un paso máis alá na formación especializada «con obxectivos e retos ben definidos e co equipo humano e material necesarios para levalos a cabo». Entre as materias do primeiro curso están Estética e historia da moda, Laboratorio de materias, Proxectos de deseño de moda I, Ilustración de moda, Laboratorio de tendencias, Dirección creativa para moda, Deseño e entorno dixital ou Fotografía de moda.

«Afondamos na parte creativa do proceso»

Lola Dopico (Ferrol, 1970) é a coordinadora do novo mestrado que se impartirá na Facultade de Belas Artes. Destaca a boa acollida do posgrao para ser o primeiro ano e confía en que se cubran todas as prazas.

-¿Como valora a acollida trala primeira convocatoria?

-Este era un cambio lóxico e positivo en certos aspectos. Agora somos un título oficial. A acollida está sendo boa, houbo dezaoito peticións e imos pouco a pouco. Ao ser o primeiro ano sempre custa. Houbo tamén bastantes consultas e chamadas doutras universidades.

-A ubicación e os medios materiais non cambian co paso a mestrado...

-A facultade é o centro neurálxico do mestrado, hai aulas de deseño dixital, talleres de creación, laboratorios instrumentais e unha extensa biblioteca.

-¿Mudou o perfil dos alumnos?

-Mudou porque todos son graduados. Belas Artes e Deseño son as titulacións preferentes, pero tamén as hai afíns do ámbito das humanidades ou xurídico-social. Hai xente de Educación, Comunicación ou Publicidade.

-¿Que destacaría do mestrado?

-Traballamos no que somos fortes e no que nos fixemos un referente. Impulsamos as fortalezas de Esdemga, que é a dirección creativa e o deseño. Afondamos na parte máis creativa do proceso para que como deseñador alguén sexa capaz de asumir dende a idea ata o proceso de comercialización.

-A UDC impartirá un grao en Xestión Industrial da Moda. ¿Haberá solapamento?

-Quero entender que non. Non sei moi ben cal é o perfil.