«O ciclismo non é máis que dar a uns pedais»

PONTEVEDRA

cedida

O micromecenazgo foi a solución que atopou Martiño Suárez para publicar «Bestiario do vestiario», que se presenta no Culturgal

01 dic 2016 . Actualizado a las 05:10 h.

Martiño Suárez, o Martin Wu en The Homens e actualmente en Grampoder, estará o sábado no Culturgal para presentar Bestiario do vestiario. «É unha colección de cincuenta artigos que se escribiran orixinalmente hai uns anos nunha publicación electrónica, Dioivo, que apenas durou uns meses».

-Sairan na sección de deportes, ¿non?

-Si. Eran uns perfís breves de deportistas raros, que tiñan as súas particularidades, pero tamén de historias dentro da historia do deporte. Non eran estritamente deportivas, nin de grandes fazañas. O problema de escribir sobre deporte é darlle demasiado bombo á épica e ao sufrimento. E iso interésame relativamente. Interésanme as historias con sentido do humor e desdramatizar. Ao fin e ao cabo, o ciclismo non é máis que dar a uns pedais e o fútbol é marcar goles.

-¿Con cal gozou máis?

-Hai moitas. Gocei, sobre todo, coas de ciclismo porque é o deporte que máis me gusta e dá para moita épica, pero tamén para moitos personaxes retorcidos. Imaxino que para ser ciclista profesional haberá que estar un pouco pirado e, normalmente, os de alto nivel teñen unhas personalidades estrañas que cadran moi ben aquí, no libro.

-Para publicar o libro recurriu ao micromecenazgo ou crowfunding. ¿Como foi?

-O editor é Carlos Meixide, que autoeditou todas as novelas que leva escrito. Como el tamén participara no proxecto de Dioivo, propúxomo e acudimos á plataforma de Verkami. O que che permite é non ter que adiantar un montón de pasta que moitas veces non estás en disposición de adiantar. Ademais, así ves como a xente se implica e che bota unha man.

-É unha forma de comprobar o interese que esperta a obra.

-Exacto. É unha sorte de precompra e unha maneira de botarlle unha man ao escritor e ao editor.

-¿Cal foi a resposta?

-Buscabamos 2.500 euros que era o que, máis ou menos, estimábamos que nos custaba a edición, maquetación e distribución, e chegamos a 2.700. Estou moi agradecido porque son case 150 persoas que fixeron a súa precompra e a maioría sen saber practicamente o que se ían atopar. É moi bonito ter a confianza de 150 persoas.

-¿E Grampoder vai dar algún concerto privado a algún destes mecenas?

-Non. Ninguén chegou a esa pasta. Eran un par de recompensas que eran un pouco de botar por fora. Unha era un concerto privado e outra un para os amigos, pero eran demasiados cartos. Todo foron apartacións pequeniñas, pero que chegaron a 2.700 euros.