«Moita xente recoñece a historia como propia, ou moi próxima »

La Voz

PONTEVEDRA

CEDIDA

«Palabras malditas» continúa hoxe, ás 21 horas no Principal, o ciclo Ponteatro cunha historia sobre a posguerra civil

20 oct 2016 . Actualizado a las 05:15 h.

Luma Gómez (Ferrol, 1951) dá vida a Clara Campos, unha famosa poetisa exiliada que regresa a España.

-¿É unha obra triste?

-Segundo como se mire, eu non a definiría como triste, senón chea de emocións e sentimentos.

-¿Cal é a moralexa?

-O máis importante da obra é o contexto histórico no que se sitúa, no ano 40, ao final da Guerra Civil. En Galicia, concretamente na Coruña, non houbo guerra propiamente dita, pero si momentos de moita violencia e agresividade entre as ideoloxías contrarias, había moitos axustes de contas, paseos, cadáveres nas cunetas. Non era propiamente a guerra, pero si que houbo moita violencia e agresividade. A obra sitúase aí, nunha pensión na que se atopan un profesor de francés fuxido e unha prostituta nova que, a través da poesía, constrúen unha relación moi forte. A moralexa da obra é que incluso nos momentos máis complexos, violentos e difíciles sempre está a palabra, e sempre a través da palabra e do pensamento se pode construír unha vida.

-Son dous personaxes marxinados e sos ¿Que une máis, a soidade ou o medo?

-Unen as dúas cousas neste caso: a soidade os une porque se atopan en medio desa situación difícil, e vanse coñecendo, agárranse un ao outro como un cravo ardendo en medio de toda esa violencia e agresividade, de todas esas vinganzas, odios, que afloran e que fan que moita xente que antes foi amiga, ideoloxicamente sexa inimiga, que por calquera motivo son detidos e perder a súa liberdade e ás veces a vida.

-¿A outra moralexa é que non hai que esquecer?

-É un texto claramente sobre a memoria histórica. Non convén esquecer as cousas que pasaron para non volver tropezar na mesma pedra. De todas formas, é unha historia recente que moito do público que xa nos leva visto recoñece como propia, e se dá conta de que ou eles ou familiares ou amigos contoulles que estivo nesa situación.