O Indiana Jones que ensina música

carmen garcía de burgos PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

MONICA IRAGO

Foni Díaz, mestre de instituto de 53 anos, percorreu máis de cen países cunha mochila e moitos deles, só

10 may 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

«Cousas destas», sentenza Alfonso Díaz, Foni, para rematar algunhas das aventuras propias dunha película de Indiana Jones que almacena nos seus 53 anos de vida. «Se vexo que un rapaz está bostezando cambio o discurso e cóntolles algunha anécdota», recoñece o mestre de música e ciencias sociais do IES de Ponte Caldelas, «porque «non é cuestión de ser o avó cebolleta». Profesor de instituto dez meses ao ano, todo o seu tempo libre dende hai 33 anos adícallo a viaxar. Sen hoteis nin reservas. En moitas ocasións, sen compañía. Foni ten percorrido máis de cen países unicamente cunha mochila e, dependendo do caso, o seu amigo Xabier, a súa muller ou a súa filla Xiana. Aínda así, tres é o peor número para emprender unha aventura, confesa.

Por iso non lle dá ningún medo coller calquera medio de transporte ?«non lle teño moita querenza ao tren», recoñece? para plantarse en calquera recuncho do mundo preparado para deixarse convencer. Non importa se é das atrocidades que se ven obrigados a sufrir os países máis pobres por culpa das multinacionais e da permisividade do Primeiro Mundo, ou da maxia de África.

Foi ese continente, posiblemente, o que máis veces visitou na súa vida. Unha especie de febre polo anaco negro do planeta apoderouse del hai uns anos, e non cesou ata que o percorreu enteiro. Mozambique e Kenya foron, xunto a Etiopía, as rexións que máis o engaiolaron. Pero África tamén agocha algunhas das imaxes máis duras ás que tivo que facer fronte. Nenos que agardaban o paso do jeep facendo xestos para pedir unicamente auga nunha zona asolada por «unha seca atroz»; o horror de ter estado en Ruanda tan só dous meses antes da brutal matanza tutsi por parte dos hutus; ou o terror de ver na tele como fusilaban a un home por ter roubado un ventilador en Burkina Faso mentres el practicamente a deixaba atrás.

Tamén a inseguridade de terse perdido no deserto sendo consciente de que ninguén volvería a saber del en caso de non atopar o camiño de volta. Ou a de quedar abandoado nunha cuneta en plena noite por un taxista cuxo vehículo se estragou e ter que pasala á intemperie, só, sen apenas recursos. En realidade, Foni tiña un billete de autocar para facer unha viaxe interna por Vietnam, pero pouco antes de partir dixéronlle que o bus ía cheo e que tería que desprazarse, xunto a outros locais, en taxi. Pero, tan pronto se averiou, os seus compañeiros de traxecto comezaron a desaparecer en motos e outros medios de transporte, o condutor do taxi dixo que marchaba para regresar ao pouco, pechou con chave o taxi, e marchou. Quedou só, sen saber como reaccionar. Agora réstalle importancia porque asegura que o Extremo Oriente é moi seguro, non como América Latina. «O único que botei en falla foi o tabaco», ri.

Atracado cun machete

Non o fai cando se lembra de Accra, en Ghana, onde, mentres falaba cun taxista coa cabeza metida pola fiestra, notou como lle roubaban a cámara que levaba no cinto ao mesmo tempo que un golpe forte no brazo. Foi cando se voltou cando viu ao ladrón cun machete en alto, disposto a volver a darlle con el. «Menos mal que me deu coa folla e non coa parte afiada, porque por un momento pensei que non volvería apertar a miña filla, que daquela tiña dous anos», confesa, mentres aclara que nese intre estaba disposto a deixarlle ao atracador sacarlle unha foto coa súa propia cámara antes de que saíra correndo, se fose preciso.

Agora Xiana ten 19, e estivo xa cinco veces en Bangkok, outras tantas en Camboya, ademais de Etiopía, Rusia, India, Brasil e Malasia, entre outros países. Empezou a viaxar con el dende moi pequena, e dende entón apenas parou. Por iso xa se ten acostumado a utilizar os inodoros que haxa en cada sitio. Non foi así a primeira vez que foi a Etiopía. O medo apoderouse dela e «pasou todo o día sen xantar nin beber nada para non ter que ir ao baño», conta divertido o seu pai.

Entre os paraxes naturais que máis lle impresionaron ao mestre destaca o Pantanal de Mato Grosso de Brasil, preto da fronteira con Bolivia; Etiopía, malia ser unha das rexións que máis sofriron as consecuencias das guerras; e os gorilas de Zaire. O verán pasado tocoulle Romanía, e este que vén serán o Gran Cañón de Colorado e Yellowstone, un dos primeiros parques naturais do mundo.

Pero, postos a elixir, cando se lle pregunta se atopou o paraíso, resposta: «Non é por esaxeración nin por chauvinismo, pero Galicia é o mellor país do mundo polo equilibrio entre o seu nivel de vida e os seus recursos. Pero tamén hai que coidalo», advirte.