Un risco silencioso

Gaspar Bernárdez

PONTEVEDRA

29 nov 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Acolonización de novos territorios por distintos organismos (plantas, fungos, animais, algas?) existiu sempre, o problema na actualidade é que o ser humano, por medio do comercio e o transporte principalmente, eliminou as barreiras xeográficas que antes impedían os grandes desprazamentos de especies. Hoxe sabemos que as especies exóticas invasoras son a segunda causa de perda de biodiversidade a escala mundial, solo por detrás da perda directa do hábitat. Algunha das súas consecuencias son o desprazamento das especies autóctonas, hibridación con estas, modificación dos ecosistemas, transmisión de enfermidades, influencia nos cultivos, etc?

A forma na que chegan a nosa contorna estas especies é do máis variada, aínda que a vía de introdución máis común é a xardinería, pero tamén a agricultura e os cultivos forestais teñen unha grande incidencia neste problema. Outras vías de introdución menos clásicas, pero non menos perigosas, son as repoboacións nos nosos ríos con peixes exóticos, o transporte marítimo coa auga de lastre dos barcos ou por medio do fouling, pequenos crustáceos e algas que se pegan no casco dos barcos. A maior parte destas especies proliferan en ambientes alterados polo ser humano; escombreiras, estradas, terreos de cultivo, etc.. en definitiva lugares modificados pola acción do ser humano. A rapidez e capacidade colonizadora das especies invasoras é maior que a das especies autóctonas e unha vez que o terreo é alterado parece que a batalla está perdida. Sen embargo en ambientes naturais ben conservados a naturalización destas especies é moito máis complexa, xa que as especies autóctonas están mellor adaptadas a estes medios. Compre entón preguntarse porque na maioría dos nosos montes predominan os monocultivos de eucaliptos, acompañados agora polas acacias, nos nosos ríos xa é frecuente mirar cangrexos americanos mentres hai que recorrer os libros para mirar os europeos, nas nosas costas medran algas asiáticas, e así, unha longa lista de invasións que de forma silenciosa pero incesante acechan os nosos ecosistemas naturais.