A necesidade dun novo Plan Xeral

Eugenio Jiménez Passolas OPINIÓN

PONTEVEDRA

03 jul 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai uns días abríuse o desdobramento da avenida de Vigo. Este vial xa aparecía no vixente PXOU, de 1989. Tardáronse polo tanto vintecinco anos na súa materialización, pero debemos felicitarnos porque Hai un cuarto de século o planificador pensase que era bo desdobrar dito acceso a cidade. Isa é unha das funcións dos plans: anticiparse aos acontecementos.

Aínda que o actual PXOU veña prestándonos un razoable servizo, cuestión a que non é allea a actual crise do sector da construción e polo tanto a mingua da necesidade de novos desenrolos, o que non cabe dúbida é que a crise pasará e para entón sería bo ter xa listo un novo Plan Xeral.

As recentes declaracións da nova responsable de Urbanismo prodúcenme unha grande inquietude no senso de que ben poderíamos estar anos e anos sen novo Plan, mentres o Plan Sectorial da Xunta siga en pé e os terreos de Ence teñan que ser cualificados como industriais.

Atopámonos polo tanto con que o Plan Sectorial da Xunta nos obriga, mentres que por outra banda, os concellos son ou deberían ser os que definisen «o Modelo Territorial» do seu municipio. Estamos pois ante dúas situacións realmente contraditorias: a Xunta di que eses terreos teñen que ser industriais, e iso conleva a consolidación da fábrica. E por outra banda, a postura maioritaria dos partidos con representación municipal é contraria a consolidación, e polo tanto, no seu modelo territorial, Ence non ten cabida.

Evidentemente estamos ante un dilema irresoluble que non pode abocar ó Concello a carecer dun documento urbanístico axeitado. ¿Como saír do atoadeiro?

Unha posible solución podería ser a que aparece na Lei do Solo de Galicia cando no seu artigo 85.7, relativo á aprobación dos plans, establece tres posibles resolucións: denegación sen mais, orde de subsanar deficiencias e aprobación definitiva, que pode ser completa ou parcial.

Na miña opinión, nesta última posibilidade estaría a saída do embrollo: que o Concello remita á Xunta un Plan Xeral que estableza para os terreos da pastera unha cualificación do solo distinta da industrial. Iso motivaría o rexeitamento da Xunta, que polo tanto non daría unha «aprobación definitiva completa» senón «parcial», establecendo na súa resolución a obriga de que os terreos sexan cualificados para uso industrial.

Pero dita aprobación parcial permitiría que os restantes aspectos do novo Plan entrasen a funcionar, quedando tan só en suspenso a cualificación dos terreos de Ence. Dese modo, e ata que as circunstancias cambien ou os tribunais se pronuncien, un novo Plan estaría operativo en todo o territorio municipal salvo no xa indicado ámbito de Ence.

Pero o que non podemos é estar mais tempo cun Plan novo e rematado metido nun caixón. Os cidadáns votamos aos partidos para que dean respostas razoables aos problemas complexos, porque os sinxelos xa se resolven case que sós. Un refrán popular di que «para las cuestas arriba quiero mi burro, que las cuestas abajo yo me las subo».

Aproveito para desexarlle éxito na súa labor á concelleira de Urbanismo, a Carme da Silva.