«A retranca é a maneira máis intelixente de estar no mundo»

Elena Larriba García
Elena larriba PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

PACO RODRÍGUEZ

O monologuista actúa este sábado con Quico Cadaval e Mofa e Befa nunha dobre función de «Noites de Retranca»

22 ene 2015 . Actualizado a las 16:26 h.

O actor arousán Carlos Blanco, xunto a Quico Cadaval e Mofa e Befa, festexa este sábado no escenario do Pazo da Cultura os cinco anos en cartel de Noites de Retranca. O éxito da convocatoria foi tal que esgotáronse as entradas para a función das oito e haberá unha segunda as dez e media.

-¿Como retranqueiro cal pensa que é o segredo do éxito deste show colectivo, o único en Galicia con cinco anos en cartel?

-Noites de Retranca é unha marca na que traballamos moitos cómicos e que funcionou moi ven en Galicia e fóra, en Madrid e noutros puntos de España. Eu creo que a clave é que o público ten moita necesidade de rir. Por iso estamos xa coa segunda función no auditorio do Pazo da Cultura, que non é fácil de encher.

-Non é a primeira vez que traballan xuntos ¿Que supón compartir escenario con Quico Cadaval ao que chama mestre?

-Pos non sei, supoño que sinto o mesmo que Iniesta xogando con Messi ou Isco xogando con Cristiano Ronaldo. Dá gusto, mola moito traballar con xente á que admiras. Que queres que che diga. Eu teño esa sorte.

-¿É verdade que dalgunha maneira foi el quen o meteu nesto?

-Realmente, eu empecei a contar por casualidade. Un día, vendo a Quico no Atlántico, en Santiago, que é onde naceu un pouco todo este movemento de narración oral, dixen: ?Eu creo que isto o podo intentar facer?. E fíxate que nunca pensara eu que aquilo se convertería no meu oficio, no meu traballo.

-¿Que imos ver o sábado nesa Noite de Retranca?

-Pois ides ver a Mofa e Befa, que son fascinantes. So o número inicial co que abren o espectáculo xa vale a entrada. Xúroche que cando o vin chorei de risa. E non é tan fácil eh!, que eu chore de risa. O que ides ver é ese traballo salvaxe, moi, moi tolo, a sabedoría e mestría de Quico Cavadal e a miña capacidade de adaptación. Eu sempre sobre a actualidade, claro.

-Entón falará do xuízo do Códice. Vostede participou, ademais, na miniserie televisiva sobre ese roubo e coñecerá ben a trama.

-É probable, porque está de actualidade e pode que me apeteza centrarme nese asunto. Pero estou elaborando o discurso e prefiro non comprometerme co público, porque igual de aquí ao sábado pasa outra cousa da que me interesa mais falar.

-¿Nese man a man con Cadaval haberá moita improvisación?

-Cada quen ten a súa dose. Eu teño a miña. Pero coidado, que a improvisación ten moi mala prensa. Non ves que os políticos sempre din que isto non é improvisado, que é moi pensado... Eu cando fago improvisación é real, pero jazzística, sobre unha melodía que coñezo ben. Para iso tes que ter certa experiencia, como os músicos de jazz que coñecen moi ben a melodía e cada noite intentan tocala dunha maneira diferente.

-¿A retranca galega ten corda para rato nos teatros?

-Tanta como as vacas de raza rubia galega. É unha denominación de orixe. A min paréceme a maneira mais intelixente de estar no mundo, con humor, ríndonos un pouco de todo, de nós mesmos, do que nos rodea, non dándolle demasiada importancia ao que non a ten.

-¿A crise tivo algo que ver na popularización do monólogo como xénero teatral?

-Absolutamente. 0 21 % do IVE fai que sexa moi difícil ter unha compañía ampla. Claro que se os actores nos dedicásemos ao porno, so cotizariamos o 4 %. De feito, probablemente, o sábado me pregunte unha vez máis que terá de bo o prono para que estea tan protexido polo Goberno. Co 21 % cada vez as compañías foron sendo mais pequenas e a máis pequena de todas é a individual.

-¿En que novos proxectos está a traballar este ano?

-Este ano volverei a Ourense a rodar unha curta e empezarei unha serie histórica para a Televisión Galega. Ata aí podo contar. Así que digamos que o que me espera de febreiro a xuño vai ser rodar e rodar.

Carlos blanco actor

«Eu fago improvisación jazzística, sobre unha melodía que coñezo ben»

«Dá gusto, mola moito traballar con xente á que admiras. Eu teño esa sorte»