Hugo, concursante de «Gran Hermano 15»: «¿A cabuxa? Xa ma querían comprar por tres mil euros»

Alfredo López Penide
López Penide BUEU / LA VOZ

PONTEVEDRA

RAMON LEIRO

Ao buenense sorprendeulle que «en Madrid non podía andar pola rúa tranquilo, estaban de seguido parándome xente»

24 dic 2014 . Actualizado a las 09:39 h.

Aínda que sabía que tiña o apoio dos seus veciños, Hugo Pérez non se imaxinaba o rebolo que ía xerar o seu paso pola edición número 15 do reality Gran Hermano: «Xa me mandaran ánimos cando estaba na casa cun vídeo, pero a verdade que velo en persoa impacta aínda máis, pensar que hai tanta xente animándote... É case que todo o pobo».

-¿Nalgún intre, pensaba que ía ser tan coñecido?

-Non. Quizás podería imaxinar que tiña algo de apoio no pobo, pero de toda España, non. Estes días en Madrid non podía andar pola rúa tranquilo, estaban de seguido parándome xente, sacando fotos... Non mo imaxinaba que pasase en Madrid, que é unha gran cidade e non podía andar tranquilo. Non o podía crer.

-¿Cantos autógrafos leva firmados dende que saíu da casa?

-Máis que autógrafos, foron fotos. Entre uns cincuenta e cen puiden firmar, pero fotos... puideron ser dous ou tres mil. Non as din contado, pero...

-¿E como é esa primeira vez que un descoñecido lle pregunta para sacar unha foto?

-Foi en Madrid a primeira noite que saímos. É pensas que ?é raro isto?. Podía imaxinar que algún podería querer sacar unha foto porque saes na tele, pero... tantas nunca pensei que fora a sacar. E como si me tiveran coma un actor, un famoso ou unha xente que o merece realmente. Eu só fun a un reality e nada máis. Con tal de facer feliz á xente. Se por unha foto ou un mínimo xesto podo sacarlle un sorriso, pois encantado.

-Tras saír de Guadalix, ¿un segue nunha nube ou xa ten os pes no chan?

-Estiven nunha nube o primeiro e o segundo día porque non me cría que tivese tantos seguidores nas redes sociais ou que tiña tanta repercusión, pero agora si que estou asentado. Quero pasar uns días na miña terra porque votaba moito de menos isto. O rollo é que non sei que facer coa miña vida. Non sei se tomarme un tempo sabático entre bolos. Estudarei para acabar o bacharelato para o ano... Aínda estou tanteando.

-¿E «Rubia»?

-¿A cabuxa? A cabuxa xa ma querían comprar por dous e tres mil euros, pero non a vendo. A cabuxa, síntoo, pero é a miña mascota e cando me chegue de Madrid xa sairei a dar un paseo con ela como facía antes todos os días pola aldea

-Creo que algúns dos seus compañeiros non estaban moi contentos con ela.

-Sei que aos irmáns non lles gustaban moito os animais e é normal que estiveran cansos. Á miña nai tampouco lle gustan e tamén está un pouco cansa dela, pero é o que hai.