Traballamos xuntos

Encarnación Rivas SECRETARIA XERAL DE URBANISMO

FIRMAS

21 dic 2014 . Actualizado a las 05:00 h.

Aaprobación da Lei 2/2013 de Protección e uso sostible do litoral, implica para Galicia o recoñecemento por primeira vez desde a lexislación estatal, da necesidade de dar unha resposta axeitada á identidade propia do litoral galego, admitindo que o solo de núcleo rural tradicional se integra de forma natural, no concepto estatutario do solo urbano, por cánto constitúe o asentamento de poboación característico en Galicia, protagonista destacado do noso acervo urbanístico, e asumindo que o núcleo rural conforma un modelo de ocupación de solo que tanto ten contribuído ao desenvolvemento harmónico do noso territorio.

Mentres tanto, e aínda que nos 25 anos de vixencia da Lei 22/1988 de Costas foron moitas as propostas formuladas que non tiveron acollida, a Xunta de Galicia, sen sucumbir ao desánimo, foi dando pasos no marco das súas propias competencias, ata acadar en febreiro de 2011 a aprobación do Plan de Ordenación do Litoral como salvagarda para a protección e ordenación dos valores paisaxísticos e ambientais dos 2.500 km. de costa.

A nova Lei de Costas e o seu Regulamento, abren un horizonte de posibilidades para que Galicia, e en particular cada un dos 87 concellos costeiros, sexa quen de ordenar e protexer o seu litoral, para facer compatible a propiedade e os usos no litoral, coa irrenunciable defensa do carácter público do borde marítimo e a súa protección, ordenación e mellora.

Desde a Xunta de Galicia mantemos a vontade de seguir traballando co mesmo afán que ata o de agora para ofrecer colaboración e respostas a todos os concellos no camiño de dotarse dun instrumento de planeamento que lles permita regularizar a situación dos núcleos rurais, para que os veciños e o conxunto dos cidadáns se poidan beneficiar das oportunidades que brinda o novo marco lexislativo cara a obter a necesaria seguridade xurídica sobre as súas vivendas. Os logros acadados partiron do diálogo e do consenso, seguindo os principios de colaboración, coordinación e consenso, no respecto estrito das competencias concorrentes de todas as administracións implicadas, e co máis amplo apoio parlamentario e social. Demostrouse que a diferenza entre o imposible e o posible está na determinación do traballo conxunto.

Marín abriu camiño. Agora é o momento de seguir a súa senda para aproveitar esta oportunidade histórica.