«As Festas de Pontevedra poden pasar perfectamente sen touros»

Elena Larriba García
Elena larriba PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

P.CHAPELA

A concelleira conta como vive desde a organización a ampla actividade lúdica do verán

20 jul 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

Organizar as festas e gozalas parece difícil, pero Carmen da Silva (Pontevedra, 1966) consígueo ao seu xeito. Nos trece anos que leva no Concello de Pontevedra, cun paréntese como deputada no Parlamento Galego, tivo responsabilidades políticas moi diversas e neste momento ten ao seu cargo as áreas de Protección Cidadá (Policía Local, Bombeiros e Protección Civil), de servizos básicos de Xestión de Residuos e Auga, e de Festas. Esta última é quizais a que lle está dando máis satisfaccións, aínda que pareza que é a que menos responde ao seu perfil político, de carácter máis técnico.

-Cando lle asinaron Festas, sorprendeu un pouco. ¿Síntese cómoda nesta tarefa?

-Si. Eu entendo que chocara un pouco pola cantidade de anos que levaba no Concello con responsabilidades sempre vinculadas a outro tipo de áreas, como mobilidade e accesibilidade, medio ambiente ou urbanismo. Pero, realmente, a min gústame cambiar de actividade porque tes contacto con xente diferente. A área de Festas permíteche ese contacto, porque case todo se organiza coa participación de colectivos e asociacións. A Feira Franca, por exemplo, sería imposible facela sen esa participación cidadá. En calquera festa sempre se traballa en colaboración con xente moi implicada na vida da cidade, dos seus barrios, das súas parroquias. Hai que terlle moito cariño ao sitio no que vives para implicarse desa forma en actividades lúdicas que son para desfrute de todos.

-Seguridade cidadá, lixo e auga son áreas que esixen dedicación permanente. ¿Máis coas festas?

-Festas o que ten é que tes que estar moito na rúa. E Protección Cidadá é un área na que sempre tes que estar alerta, localizable, porque desgraciadamente sempre pode pasar algo, aínda que afortunadamente temos uns servizos de emerxencias que funcionan moi ben. Pero todo o que levo está moi vinculado. Non hai unha soa actividade festiva que non requira dos servizos de Protección Civil, Bombeiros e Policía, e antes e despois tamén da limpeza de rúas. Polo tanto, aínda que parezan áreas que non teñen vinculación, no funcionamento do Concello están tremendamente relacionadas. Foi un acerto poñelas xuntas. A coordinación xa era boa, pero agora é mellor.

-Canta máis festa, máis traballo. ¿Como se viven desde a trastenda? ¿Hai ou non hai respiro para tamén gozalas?

-Detrás hai un equipo moi bo que traballa no servizo de Cultura e Festas e me fan o meu labor moi doado. É moi gratificante e se poden gozar doutro xeito. Da satisfacción de que saian ben, de ver como milleiros de persoas veñen a Pontevedra a divertirse, a pesar do que lles están facendo pasar coa crise e con decisións políticas crueis. Por iso aquí quixemos potenciar as festas, porque son moi importantes para a economía de Pontevedra e moven moitos recursos, e facelas de balde para que as desfrute todo o mundo.

-Máis de 200 actividades. ¿Que é o máis complicado á hora de organizar unhas festas tan amplas?

-O difícil é conxugar todas as actividades nas datas máis apropiadas, que non se solapen ou sexan incompatibles. Podes ter nun día varias actividades diferentes, pero teñen que ser dirixidas a públicos distintos e que non se interfiran unhas con outras, porque sería malgastar recursos públicos. Facer cadrar todo, intentar que sexan variadas, para todas as idades e para todos os gustos, e que atraian xente para que se xere arredor delas actividade económica, é o que intentamos.

-Os concertos son o primeiro que mira a xente. ¿Se levan a parte máis importante do orzamento?

-En absoluto. Non poderíamos ter dous meses de festas, se só unha semana de concertos levase a parte máis importante do orzamento. As actuacións musicais contrátanse con moita antelación para obter mellores prezos. Poden supoñer o 20 % do gasto.

-¿Hai algún artista que non puidesen contratar por prezo?

-Todos os anos hai concertos que nos gustaría traer pero o caché non se axusta ás posibilidades económicas do Concello. Nós temos a obriga de axustarnos a esas posibilidades e facer unha programación variada. Non podes traer un grupazo que nos coma nun día todo o que temos para os concertos de toda a semana.

-¿A gratuidade dos concertos limita máis esas posibilidades?

-Limita porque necesitas axustar sabendo que non vas ter ingresos. E porque non todos os grupos aceptan que os concertos sexan de balde. Hai artistas que teñen un caché e a maiores esixen billeteira. Eses teñen vetada a súa actuación nas festas porque nós consideramos que todo o mundo ten que poder asistir.

-¿O orzamento das festas baixou moito nestes anos de crise?

-Rebaixámolo no 2012 nuns 50.000 euros e a partir de aí mantense nos 900.000 euros, aproximadamente, para as actividades de todo o verán. Pero, realmente, ao incrementarse o IVE a baixada de recursos foi maior.

-Facer máis con menos. ¿Como se suple a mingua de recursos?

-Pois axustando moitísimo e eliminando cousas que non repercuten nin na calidade nin na percepción das festas. E facendo o propio Concello toda a produción dos grupos que actúan, en canto a medios técnicos, montaxe do escenario e demais. Ao facer nós a produción afórrase moito, a costa de sobrecargar máis de traballo ao servizo, claro.

-O BNG declárase antitaurino, pero ¿entende que digan que as Festas da Peregrina non poden pasar sen touros?

-Eu, son antitaurina. As festas de Pontevedra poden pasar perfectamente sen touros. Creo que neste momento non as identifican. A programación de todo o verán ten unha potencia e unha forza tan grande que as corridas de touros non son para nada un elemento determinante como atractivo das festas. Nós non temos nada que ver con iso nin tampouco podemos facer nada. É unha praza privada que desenvolve unha actividade autorizada pola Administración que lle compete.

-Dende a oposición din que nesta cidade só se inviste en festas. ¿Teñen medida a súa repercusión na economía local?

-Polas referencias que temos da hostalería e do comercio a repercusión é enorme. O cambio fundamental que fixo este goberno foi que se tiñan que celebrar no centro. Cando as trasladaron ao recinto feiral a cidade quedou baleira e a decisión gorda foi devolverlle as festas e recuperar toda a actividade económica vinculada a elas.

-A Feira Franca, declarada de interese turístico, volverá a ser o colofón das festas. ¿Despois de 15 anos necesita un revulsivo?

-Interese turístico xa o tiña pola cantidade de xente que atrae de todas parte. A declaración formal é un recoñecemento a todas as persoas que participan na súa organización e desenvolvemento. Vanse introducindo cambios todos os anos e nas últimas edicións centrámonos en realzar o arranque do venres e en redistribuír os espazos da forma máis adecuada para evitar momentos de atasco nalgúns puntos do centro histórico. Probablemente este año fagamos algún cambio máis para que non se relaxe a calidade e a seguridade, que é o primordial.