«O que se fixo foi o correcto»

Alfredo López Penide
López Penide POIO / LA VOZ

PONTEVEDRA

CAPOTILLO

O rexedor de Poio tacha a denuncia das facturas como «unha cuestión política»

05 abr 2014 . Actualizado a las 15:46 h.

-¿Cal foi a orixe desta situación?

-A situación de partida é dunha baixada de ingresos importante. Tíñamos no 2010 un presuposto de 14 millóns de euros e baixou a dez. No último ano, axustamos tres millóns sen que se viran moi afectados os servizos que prestamos. O déficit no 2012 era de case un millón de euros e baixouse ata setecentos mil. A nosa intención é seguir axustando para chegar a un equilibrio e para logralo tíñamos dúas opcións, ou facelo así, ano a ano, ou facelo de golpe cortando servizos.

-¿Como percibe a denuncia?

-É unha cuestión política máis que de preocupación pola situación municipal. Búscase o desgaste do equipo de goberno, unha rendibilidade política que non poden acadar pola vía, precisamente, da política. Gustaríanos que puxesen sobre a mesa e dixesen claramente que gastos recortar, ou que tipo de actuación, servizo ou actividade lúdica debe eliminarse. Iso é o que botamos en falta e a súa covardía política de esconderse detrás da Xustiza. Iso é o que lle botaremos en cara un día e outro tamén.

-Tamén o PP di que vostedes buscan un rédito político en votos con estas decisións.

-Non. Son decisións xustificadas de atender a necesidades que os veciños formulan ou que ten o Concello. O único que hai é unha dinámica na que os gastos superaron os ingresos debido a que o presuposto municipal non é o mesmo que hai tres anos.

-En todo caso, non estamos a falar de corrupción.

-Por suposto que non. Hai que deixalo moi claro, o único que hai é unha práctica administrativa, si é que se pode chamar así, á que non se debe recorrer habitualmente. Levo máis de trinta anos e sempre se recorreu a isto ou a recoñecementos extraxudiciais de crédito para poder pagar facturas.

-¿De que maneira afronta o proceso xudicial?

-Evidentemente, aportaremos toda a documentación que se nos pida. Son facturas recoñecidas, gastos recoñecidos e hai de todo tipo, dende o subministro de gasóleo aos vehículos municipais ou para o centro de saúde ata unha factura dunha fumigación de pulgas nun colexio.

Luciano Sobral Alcalde de Poio