«Mami, imos ler un conto»

Marcos Gago Otero
Marcos Gago PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

CAPOTILLO

Os adultos voltan á infancia da man dos libros que len aos seus nenos no Pazo da Cultura

03 mar 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Libros de todas as cores e tamaños. Volumes en galego e en castelán. Xéneros para todos os gustos do público infantil e xuvenil. Hai estanterías repletas e ninguén quedarase sen poder ollar alo menos un. A oferta é ampla e vai desde os contos para aprender o alfabeto ata o lexendario Señor dos Aneis de Tolkien. Todo adornado con xogos, máquinas de espectaculares deseños e a mostra dos traballos realizados polos colexios para a celebración. O Pazo da Cultura será durante vinte días o corazón literario da cidade cunha nova edición do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra.

Unha cómoda moqueta, con mesas, estantes e coxíns invita a adultos e pequenos a disfrutar da lectura dunha boa historia. Este espazo de lectura está case ao final dunha sala de exposicións, onde se amosan aparatos que deixaron coa boca aberta a máis dun. A lectura do libro favorito é o premio para os cativos e a recompensa para os organizadores do Salón.

A frase «mami, imos ler un conto», que tantas veces se escoitou xa no día da inauguración, enche de orgullo aos pais e serve como garantía do éxito desta convocatoria. ¿E quen sabe?, quizais incluso esperte o espírito dalgún futuro escritor entre os xoves que acoden da man dos seus pais ata o recinto feiral.

A catorce edición deste Salón está dedicado á tecnoloxía. O seu lema é ¡A toda máquina! e nada máis entrar no Pazo da Cultura un impresionante zeppelin feito con cartón e papel da a benvida aos visitantes. É o primeiro lugar onde nenos e maiores se farán unha foto, pero non é o único.

Unha das claves do éxito desta cita atópase na participación dos centros educativos de Pontevedra e, neste caso como colexio invitado un de Rianxo. Nenos e docentes botan a andar a imaxinación e os pequenos non dubidan en levar apurados -case a correr- aos seus pais ou avós para que poidan admirar a súa man na obra que fixo o seu colexio.

Debuxos escolares

«Este é o meu», sinalaba aos minutos de abrir as portas e chea de satisfacción, unha rapaza de seis anos o seu traballo aos seus proxenitores. E eles, claro está, anímana a seguir nesta liña entre flash e flash da cámara de fotos para inmortalizar o momento.

Dúas paredes cheas de debuxos infantís dan unha idea do que os nenos pontevedreses entenden por máquinas e a súa función. Este espazo serve tamén como photo call: unha oportunidade de recordar a inspiración artística do rapaz.

As máquinas presiden cada recuncho do salón e reproducen pezas como unha roda de afiador ou a roda de Leonardo a gran escala. Entre estes deseños, uns cordeis que agochan nomes que só se ven ao tirar das liñas están entre os máis populares para os pequenos.

Tamén destacan as colas para poder ver aos contacontos. Nesta ocasión, a organización escolleu a tres clásicos do cine e da literatura. Por un lado O incrible home minguante, baseado no libro de Richard Matheson; e polo outro Tempos Modernos, de Chaplin, e Tron de Lisberger.

As exposicións e o Salón poderán visitarse de luns a venres de 17 a 20.30 horas. O sábados e domingos o horario amplíase, de 11 a 14 e de 17 a 20.30 horas.

Un zeppelin de papel fai voar a imaxinación dos visitantes ao entrar no recinto

A mostra inclúe os traballos realizados polos alumnos dos colexios