«Enfangarnos o levamos estupendamente»

maría conde PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

Ruben Prieto

06 feb 2013 . Actualizado a las 14:58 h.

Pódese dicir que Matalobos foi o principio dunha bonita amizade entre os actores Luis Iglesia e Xabier Deive. Ámbolos dous coñecíanse e coincidiran na Asociación de Actores. Pero a exitosa serie producida por Voz Audiovisual foi a que lles engarzou profesionalmente. Iso a pesar dalgunha labazada por causas do guión: «Pero o de enfangarnos o levamos estupendamente, a serie foi un achádego para todos». Ese vínculo continúa agora nunha pugna interpretativa que ofrecen na obra teatral Gaivotas subterráneas, que hoxe e mañá se representa no Pazo da Cultura pontevedrés (a partir das 21 horas).

Nesta coprodución de Talía Teatro, RTA e Voz Audiovisual, na súa primeira incursión na escea, Xabier Deive é Nino, un home sen escrúpulos que se reencontra cun vello amigo, Mario, despois de varios anos. Pero neste encontro, nada é casual e a partir dese momento empezan a aflorar rencores, reproches e vinganzas.

«Nino -di Xavier Deive- é un cantamañáns, un encantador de serpes, canalla, sempre buscando pasta fácil; o típico que se arruina fácilmente e despois rexurde e se forra rápidamente. Un tipo cun carácter moi divertido, que engana a moita xente co sonriso amplo e unha amabilidade, pero que en realidade non é así».

Pontevedra é a tercera cidade en acoller a montaxe, despois de A Coruña e Santiago. «Ata agora, as funcións foron magníficas -engade o actor- e estamos flipando un pouco coa resposta do público. Van cinco sesións e practicamente cheas todos os días. E a obra está tendo bos comentarios. Estamos encantadísimos».

Deive -que hoxe tamén comeza a gravación da serie Padre Casares- e Iglesia manteñen neste thriller con dose de comedia negra un man a man que se prolonga durante hora e media. «É un espectáculo no que dous actores poñen todo o que está na súa man para que o público pase unha hora e media entretida e non defraude», subliña. E engade que aínda que ao rematar cada xornada, acaba «bastante baldado», o certo é que «a función pasa moi rápida, e parece ser que no patio de butacas tamén é así».

Compenetración

Tanto él coma Luis Iglesia xa non entenden a obra sen o seu respectivo compañeiro de reparto. «Ademais de que Luis e eu nos coñecemos moito e nos compenetramos moi ben, o proceso dos ensaios foi tan creativo entre nós e o director, Artur, porque tivemos que refacer varias cousas, entón, se fora outra persoa sería distinto, outro espectáculo sen ningunha dúbida», sinala.

As entradas para as dúas funcións deste espectáculo están á venta anticipada na web www.servinova.com ao prezo de 8 euros máis gastos (5 euros máis gastos para estudantes, parados e xubilados).