Arranca en Pontevedra o Culturgal «máis expansivo»

María Conde PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

Setenta expositores muestran la realidad del sector en la feria pontevedresa

01 dic 2012 . Actualizado a las 00:36 h.

«Comezou sendo a máis humilde e remata sendo a máis expansiva da historia do proxecto». O presidente da Asociación Culturgal, Xulio Amigo, recoñeceu onte na apertura da Feira das Industrias Culturais en Pontevedra que este ano o fogar da cultura galega non vai esconder as fallas: «Porque cremos que é importante que se vexa e que se saiba que os recortes teñen consecuencias, que o que non se paga non se ten, e que aforrar en cultura é un camiño perigoso». Pero, ao mesmo tempo, subliñou que o tremendo esforzo do sector permitiu suplir con creatividade estas carencias, de tal xeito que no último mes as actividades paralelas á feira incrementáronse de 140 a 200 e 71 entidades están presentes na mostra expositiva que se desenvolve no recinto feiral pontevedrés ata mañá.

Ademais, hai máis de mil profesionais acreditados, non só de Galicia, senón tamén doutros lugares de España, Arxentina, Portugal e outros países lusófonos. «Culturgal -engadiu Xulio Amigo- é xa un punto de encontro e referencia para o sector e un espazo único para descubrir sinerxias e tecer proxectos conxuntos con outras disciplinas e con outros territorios».

O conselleiro de Cultura en funcións, Jesús Vázquez, recalcou pola súa banda o compromiso da Administración coa feira e destacou que unha das claves de Culturgal é «cambiar vellos modelos por novas formas de traballar, máis interconectadas e globais, nunha sociedade tan acelerada e volátil como a que nos toca vivir».

A «marexada» de actividades ten como protagonista ao público. E os asistentes, ademais de ver espectáculos, teñen moitos lugares no Culturgal para deixar a súa pegada. Desde un stand no que poden opinar da cultura galega a outro onde poden presentar os seus produtos culturais en 15 minutos ou un photocall.

13.30. Xavier Deive e Luís Iglesia dan a coñecer a montaxe Gaivotas subterráneas.

Luís Tosar e Farruco Castromán presentan Operación E, ás 12.30 horas.

Ás 12 presentarase a programación infantil da TVG.