Pontevedra retrocede no tempo

Cabaleiros, dragóns, mesoneiros e damas tomaron a cidade no arranque das festas

Valoración Con: 1 estrella 2 estrellas 3 estrellas 4 estrellas 5 estrellas   votos ¡Gracias! Envíando datos... Espere, por favor.
Unha comitiva percorreu as rúas de intramuros para anunciar o comezo da Feira Franca. capotillo

Un dos grandes retos da Ciencia moderna, viaxar no tempo. Esa quimera coa que tantas veces fantasiou o celuloide, faise realidade nestes días en Pontevedra. A cidade conseguiu, un ano máis, facer alquimia para retroceder ao medievo. Como nun bucle, chegado o primeiro fin de semana de setembro, a vila volveu cincocentos anos atrás. Co bater dos tambores os dragóns regresaron aos xardíns de Castro Sampedro, ao pé da igrexa de San Francisco, para defender intramuros nunha das celebracións máis ansiadas polos veciños, a Feira Franca.

O tun tun dun tamboril repiqueteou polas rúas facendo a milagre. Os ouvintes deixáronse encandilar pola percusión, coma a serpe responde á frauta dun encantador, mentres que un séquito de cinco cabaleiros acompañado por un grupo de acróbatas anunciaba o retorno á Idade Media.

Así xurdiu o feitizo. E as fiestras vestíronse con teas colgandeiras e estandartes, os pisos cubríronse de palla e as xentes saíron as prazas con prendas de liño e veludo. Os nenos armáronse con espadas coas que xogar a baterse en duelo e as nenas cubriron os seus cabelos con coroas de flores.

O espectáculo non faltou nunha vila tomada polo espírito medieval. Bailes en Teucro, xogos a pe do Museo e música, moita música por cada recuncho dunha vila con arrecendo a brasas.

De Porta de Trabancas para dentro, os xogos populares foron os protagonistas da xornada, tanto para os máis cativos como para os maiores.

Os primeiros puideron desfrutar de carreiras de sacos, da raiola, salto da comba, chapas, o marro do pano e competicións a galope de cabaliños de madeira para conseguir aros pendurados, mentres soñaban a ser grandes xinetes. Os adultos tamén se puideron sumar ao tres en raia, ás canicas, o pase misí, á roda ou aos xogos de baralla; uns clásicos do pasado que non pasaron de moda a pesar do paso do tempo.

Caída a noite, os xogos de época uníronse á gran función da praza da Ferrería, tramada polas compañías Troula e Kull D?Sak baixo o título de Un Xogo, un soño. As cadeiras fóronse enchendo dende primeira hora da tarde nunha cita na que o público está disposto a deixarse sorprender.

Durante o día de hoxe continuarán os actos: cantares de cego, torneos, tiro con arco, aves rapaces,... Mesmo o Arxil se tornará nun Arxilius para encestar balóns de trapo xunto ó Palco da Música da Alameda. Aproveiten ata o amencer, porque para entonces o feitizo do medievo esvaecerá xunto coa lúa, coa esperanza de que o próximo se faga de novo a milagre.