A Illa modifica o PXOM e posibilita a construción de novas vivendas

La Voz

PONTEVEDRA

06 ago 2007 . Actualizado a las 02:00 h.

Vilagarcía | A Dirección Xeral de Urbanismo aprobou de xeito definitivo a modificación puntual número tres do Plano Xeral de Ordenación Municipal de A Illa de Arousa que afecta aos retranqueos e o dimensionado das dasbufardas. Este trámite está lonxe de ser intranscendente pois suporá que moitos veciños que ata o de agora non podían construír unha vivenda, poidan facelo no futuro.

O alcalde, Manuel Vázquez, valora este feito como «un importante logro de xestión que será a base dun futuro urbanístico sostible, que vai mellorar as condicións de asentamento da poboación do Concello».

Ante este novo escenario, a alcaldía informa aos veciños que teñen á súa disposición tanto ao concelleiro de Urbanismo como aos servizos técnicos do Concello para facer calquera tipo de consulta sobre a incidencia nas súas propiedades desta modificación urbanística.

Parcelas irregulares

Os retranqueos máximos permitidos que se estaban aplicando nestes anos limitaban a edificación unifamiliar na Illa dado que non se adaptaba ao parcelario tan singular que ten este territorio.

Trátase desas parcelas denominadas no Plano Xeral como «irregulares» que se caracterizan por ter moi pouco fronte á vía pública e se ensanchan no interior, ou aquelas outras que resultan afectadas en parte pola liña de servidume de protección do dominio público marítimo-terrestre.

Esta situación fomentou, segundo argumentan desde o Concello, unha masa edificatoria allea á arquitectura dos asentamentos tradicionais da Illa «polo que se facilitaba un xerme xerador de asentamentos máis propios de urbanizacións en serie e sen un crecemento sostíbel e propio deste lugar», engádese na explicación ofrecida desde o grupo de goberno.

Condicións

Ante as limitacións que este instrumento urbanístico impoñía á hora de construír unha vivenda unifamiliar, «facíase necesario subsanar este pequeno impedimento xa que estas parcelas si cumpren todos os demais parámetros das ordenanzas que rexen sobre delas.

En consecuencia, os retranqueos de 12 metros e 18 metros, respectivamente, modifícanse incrementándose as distancias con 15 metros, quedando, no primeiro caso, un recadro máximo de 27 metros e no segundo, un recadro máximo de 33, debendo o propietario da vivenda garantir un acceso ata a vivenda que permita a entrada dun coche ou que teña tres metros de ancho.

Os gastos de levar os servizos á vivenda (luz, auga, saneamento, pluviais e telefonía) correrán por conta do propietario da finca.

Tamén se autorizará a construción naqueles casos que varios propietarios garantan o acceso común ás súas parcelas, cedendo para elo a vía ao Concello e asumindo solidariamente os custes de pavimentación e a conexión dos servizos, segundo informan desde a alcaldía de A Illa.