Jesús Vázquez: «Oito sentenzas ratifican a validez total do decreto do plurilingüismo»

Elisa Álvarez González
Elisa Álvarez SANTIAGO / LA VOZ

ESPAÑA

Xoán A. Soler

Vázquez di que «está por decidir» se se acatarán ou recorrerán os fallos

14 dic 2012 . Actualizado a las 11:57 h.

Comezou a súa primeira etapa no Goberno co claro obxectivo de facer un novo decreto da lingua no ensino, e a segunda coas sentenzas que anulan parte do seu contido. Jesús Vázquez Abad (Núremberg, 1967) asegura que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia non fai máis que avalar unha norma, que de modificarse sería por cambios «mínimos».

-Coñecidas todas as sentenzas sobre o decreto, ¿que vai a facer a Xunta?

-Estamos satisfeitos porque o TSXG nas oito sentenzas ratifica a validez total do decreto, a súa legalidade, o equilibrio das linguas, a introdución de terceiras linguas, o feito da consulta aínda que non sexa vinculante, é dicir, que a esencia nese epígrafe non vai a mudar.

-Entón...

-E ademais, incluso o tribunal manifesta que o decreto é claramente potenciador do que é a lingua galega. Polo tanto, a esencia do decreto, a súa filosofía, non muda, e así se ratifica a través de oito sentenzas. Quedan eses dous apartados, por un lado a consulta, que o tribunal di que é positiva pero que non pode ser vinculante, e por outro tamén entendiamos que era importante que os rapaces, en materias non lingüísticas, puideran expresarse na lingua que así o consideraran, naquela que mellor desenvolveran as súas competencias, entendendo que iso lle facilitaría uns mellores resultados nesa materia. Pero o tribunal considera que ese epígrafe non é acorde coa propia filosofía do decreto, que si ve como potenciador do galego.

-Véselle máis vontade de mudar eses puntos que de recorrer.

-Pois nin a nin b. Está todo por decidir e decidiremos nestes días.

-Galicia Bilingüe xa anunciou que acudirá ao Supremo.

-Non é a única entidade que manifestou a posibilidade de recorrelo. Hai outros grupos que o están intentando recorrer vía mecanismos non establecidos na lei. Cando se preparan manifestacións é porque non están conformes coa propia sentenza do TSXG nin coa propia vontade das urnas, na medida en que esta política lingüística foi avalada polas urnas.

-¿Interpreta que as protestas para esixir a derrogación do decreto van en contra da sentenza do TSXG?

-A protesta desta semana e as vindeiras son en contra do tribunal, que avala un decreto, e en contra da propia vontade do pobo galego, que fai escasamente un mes acudiu ás urnas e optou maioritariamente por unha opción.

-O inicio de curso estivo cheo de críticas ao recorte do profesorado, ¿hai xa unha cifra do descenso?

-Eses datos vounos dar no Parlamento por respecto institucional, pero están moi lonxe do que dicían os sindicatos, que falaban do millar de docentes. Estarán en torno aos 350 profesores menos.

-Comprometeuse a convocar oposicións no 2013.

-Foi un compromiso e seguimos manifestando que pode ser factible. Veremos como queda a taxa de reposición que fixan os Orzamentos e as posibilidades que temos. O certo é que a taxa de interinidade en Galicia é moi baixa en relación a outras comunidades, está sobre o 5 %, cando para convocar oposicións fálase de máis do 8 %, pero esperamos que nos permitan axuntar as que quedaron tamén sen convocar deste ano, porque foi un compromiso.

-A Xunta pediulle a Wert que manteña Lingua galega coa mesma categoría que Castelán na nova LOMCE, ¿ve opcións?

-Esta é unha das nosas reclamacións. Entendemos que ten que ter o mesmo carácter unha lingua que outra porque as dúas son cooficiais. O argumento do ministerio é que as troncais son as que dependen del, polo que Lingua galega non podería estar dentro das troncais, pero nós si entendemos que cando menos teñen que ter o mesmo trato e igualdade á hora de avaliación, e entendemos que vai haber un cambio, a Xunta quere que teñan a mesma consideración.

-Cede o Goberno ante a Igrexa ao volver impartir a alternativa a Relixión.

-Estamos falando dun anteproxecto, e creo que probablemente se poidan facer moitos matices sobre a carga das materias, pero aínda falamos dun anteproxecto. Entendemos que vai seguir habendo cambios.

-O Consultivo considerou desfavorable o decreto de admisión de alumnos polo punto que permite aos centros fixar un requisito propio.

-Hai comunidades e sentenzas favorables a estes criterios complementarios.

-¿Non pensa que pode xerar discrecionalidade na admisión?

-Para iso está a Administración, para vixiar os feitos. Pero entendemos que os centros van actuar baixo os parámetros da legalidade e as normas.