«Só levaba dous meses cos cadros; nin sabía o que era estar nunha feira»

Fina Ulloa
Fina Ulloa OURENSE / LA VOZ

XUNQUEIRA DE AMBÍA

Santi m. amil< / span>

Lorena Quintas expuxo por primeira vez a súa obra na mostra de artesanía de Xunqueira de Ambía

23 ago 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

O pasado 17 de agosto, no claustro da colexiata de Xunqueira de Ambía celebrouse unha feira artesanal que foi o bautizo público de Xogo de Fíos. Era a primeira vez que Lorena Quintas Rejo, unha moza ourensá de 30 anos, se decidía a amosar o seu traballo en público; a primeira vez que colocaba un posto nunha feira e, tamén, o primeiro momento no que empezou a crer que a súa habilidade coas mans pode supor unha fonte de ingresos. Os cadros de Lorena sorprenderon e gustaron tanto ós visitantes da cita que volveu para a casa con uns cantos encargos baixo o brazo. «Só levaba dous meses con isto dos cadros; nin sabía como era iso das feiras; fun un pouco por ir e saíu ben», narra satisfeita.

«Oxalá se poda converter nunha fonte de ingresos; traballar cos fíos gústame», afirma cando se lle pregunta si se ve vivindo desta labor artística que empezou case sen pensalo. Foi despois de aprender a técnica nun taller da Once no que lle ensinaron a facer cadros con fíos. Porque Lorena leva tres anos cega. É unha consecuencia máis da súa enfermidade. Ten artrite dende que era un bebé, patoloxía que tamén lle pasou factura á súa mobilidade - vai en cadeira de rodas dende os quince anos e ten afectadas tamén as mans- pero non puido co seu espírito positivo, nin dobregou o seu sentido do humor que asoma con facilidade e lle debuxa un sorriso contaxioso nos beizos. «Xa ves, tocoume ter de nena unha enfermidade que daquela non había os avances que hai hoxe e asociábase ós vellos case en exclusiva. Naquel momento a artrite era o que lle pasaba ós avós cando se lle torcían os dedos. Hoxe en día nace un neno e ven que ten artrite e hai medicinas para aliviar e frear o proceso para que non sexa tan agresivo; pero cando eu nacín, pois aspirinas e pouco máis», relata.

Xogo de Fíos é o xerme dunha idea que Lorena aspira a que lle serva para o futuro. Antes de perder a vista Lorena xa probara o campo artístico e acudira a clases de pintura. «Sempre me gustou, e non se me daba mal; pero daquela facía outro tipo de cousas, nada que ver con isto. Este pode ser o meu proxecto; ao fin non teño traballo nin parece sinxelo que o consiga nunha empresa por conta allea porque por exemplo precisaría un ordenador adaptado», apunta. Lorena é licenciada en Empresariais.

No seu blog ten algúns exemplos dos distintos tipos de motivos que traballa, no que abundan os florais e de animais, pero tamén hai paisaxes, infantís, personalizados con nomes de persoas ou de negocios e incluso se atreveu con réplicas de obras do grafiteiro inglés Banski e de Castelao. «Os modelos saen de Internet; porque a verdade, na miña casa debuxantes, o que se di debuxantes non che hai», apunta con certa sorna. De feito, segundo conta, gustaríalle que os propios interesados en ter unha obra súa lle propuxesen ideas ou lle acheguen bocetos.

O proceso é laborioso. Primeiro, coa axuda da súa irmá Eva -que foi tamén a súa primeira crítica- perfila os bordes do debuxo. «Eu podo ser lista, pero así sobre un papel liso... non podería eu soa», apunta. Despois coloca unha cola especial antes de iniciar o recheo con fíos. «É laborioso porque ten que ir todo moi ben unido e encaixado para que non queden brancos», explica. O sentido do tacto é a súa guía.

Lectora empedernida e afeccionada á música -«Eu escoito de todo porque me gusta de todo; aínda que a miña irmá me diga que son unha hortera», relata entre risas- a experiencia da feira de Xunqueira abriulle un novo horizonte. «Eu estou disposta a ir onde me chamen; se é para facer balances nunha empresa ben, e si é para expoñer os meus traballos con fíos, pois perfecto tamén», resume esta moza que, como moitos outros da súa xeración, aspira a algo tan básico como «atopar unha saída que me dea ingresos para o futuro».