A intensa pegada das cianobacterias pola Baixa Limia

LUCÍA MARTÍNEZ / r. n. OURENSE / LA VOZ

XINZO DE LIMIA

As últimas análises da Confederación Hidrográfica e da Xunta confirman a presenza de elementos tóxicos nas augas

22 jul 2018 . Actualizado a las 18:06 h.

As augas do embalse de As Conchas volven presentar esa cor verde tan recorrente nos últimos anos. A presenza de cianobacterias xa non é novidade para ningún veciño, ao igual que non o será para toda persoa que se achegue ás inmediacións do embalse.

A principios desta semana o complexo turístico de O Corgo, presentaba un panorama cando menos desolador. Se ben é certo que había un grupo de rapaces no cámping e algún que outro visitante, a meirande parte do espazo estaba baleiro. «Cada vez hai menos xente. A esta zona si que lle afecta, afecta ao turismo. Algunha xente si que se segue bañando... Tampouco hai moito máis que dicir, á vista está», declarou unha veciña que ten un bar na zona. E é que o problema xa vén de anos atrás e moitos veciños de Muíños están cansos de facer declaracións sobre o tema.

Pola zona andaba un visitante que tiña clara a orixe do asunto: «Non é culpa de Muíños. Os veciños sofren as consecuencias doutras explotacións. Todo o que mandan pola Limia queda aquí e ao non sanearse a auga, hai un exceso de química». Pero o certo é que Muíños non é o único espazo afectado. Se se continúa arredor do embalse pode seguirse unha ruta de cores azuis e verdosas, que corresponden ás marcas que deixan as cianobacterias nas beiras das augas, e que chegan ata os concellos de Lobeira e de Bande.

«O tema está fantástico, acércaste ao embalse e xa podes ver que bonito está todo», afirmou ironicamente Mercedes Álvarez, veciña de As Conchas. A situación é soportable se non fai moita calor, pero con altas temperaturas as cianobacterias multiplícanse, e unhas das consecuencias é o cheiro horrible que desprenden as augas. «Xa vivimos esta situación. Hai uns tres anos, nas nosas festas tivemos que poñer bidóns grandes de aceite con incenso, porque o cheiro era insoportable», recordou a veciña.

«Olor irrespirable»

Con ela coincidiu outra persoa da zona, Serafín Neira Martínez, concelleiro do PSOE de Lobeira: «Hai un olor xunto á presa que é insoportable, irrespirable». Para el, o problema tamén está nos vertidos procedentes das explotacións agrícolas da Limia, os cales favorecen á concentración de nutrientes no embalse, outra das características, que coa nomeada calor, beneficia a proliferación das cianobacterias. «Agora mesmo son moitas granxas que desde Xinzo para abaixo están vertendo. O embalse aguantou uns anos e a auga incluso se bebía cando non había verteduras. Se non hai vontade política esto non vai ter solución», concluíu o concelleiro.

De solucións tamén falou unha veciña de Porto Quintela, que andaba pola zona vendo o estado da auga: «Hai uns veráns, a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil puxo unhas illas flotantes, que dicían que ían valer para sanear as augas, pero o problema non se solventou. Realmente tiñan que buscarlle solución a raíz do problema, para que isto non volva pasar, non solucións temporais».

Datos das análises e efectos

A presenza de cianobacterias confírmase no último informe elaborado pola Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, organismo competente. As analíticas, datadas do 2 de xullo e que se realizan semanalmente e de forma alternada coa Xunta de Galicia, corroboran a existencia de microcistinas (cianobacterias tóxicas) nas praias fluviais e na zona da presa. Os datos da semana seguinte, pertencentes as probas realizadas pola Xunta, reafirman a situación así como o non aumento da mesma. Estes resultados confiáronselles ás Administracións competentes e máis aos concellos afectados, para a conseguinte toma de decisións.

Por outra banda, o risco para persoas expostas a augas con estas bacterias pode chegar a través de tres vías potenciais: o contacto directo do corpo coas augas, o consumo accidental e a inhalación da mesma ou ben zonas do bañador onde queden retidas cianobacterias que poden producir irritacións.

A visión sanitaria

Desde a Consellería de Sanidade informan que o perigo máis grave é a exposición a altas concentracións de cianotoxinas que teñen atribuída actividade tóxica primaria sobre o fígado. Por outra banda, os riscos por inxesta son máis altos para nenos que beban auga durante o baño.

Por último, recomendan que, a curto prazo, a medida máis importante é a proporción de información adecuada para evitar riscos e concienciar ao público da súa presenza e efectos.

Os concellos e as asociacións afectadas demandan solucións

A situación é unha verdadeira «calamidade». Así o definía Lino Pérez, portavoz do grupo Plabali: «É un problema que vén de moitos anos atrás, que ocorre en máis sitios, pero aquí é máis preocupante debido á conformación que ten a comarca. Hai unha concentración de granxas brutal. Os Concellos están preocupados pero arriba polo que se ve non están movendo moita cousa».

A asociación Arnau, que colabora con Plabali, tamén considera preocupante á situación. «Hai zonas que están xa non verdes, están azuis con natas destas que se forman con tanta cianobacteria», explicou o portavoz de Arnau, David Pérez.

Ambas asociacións teñen falado os últimos días sobre o tema e a posibilidade de mobilizarse. «Ofreceuse moita xente de fóra, porque é un problema da provincia de Ourense xa que abarca unha zona moi importante e afecta negativamente á saúde pública e ao desenvolvemento turístico da zona», contou Lino Pérez. Non é a primeira mobilización e pola situación semella non ser a última. De feito, os veciños da zona tamén están pensado en realizar algunha: «Vamos intentar facer algo. Xa o fixemos anos atrás, cortamos a carretera varias veces, volverémolo facer pero vannos facer o mesmo caso, ningún».

No tocante a unha posible solución, David Pérez comenta a posibilidade de baleirar a presa e plantar unhas plantas citógafas que coman os nutrientes. Este proceso tardaría uns anos e logo volvería encherse a presa. Porén, non é unha solución que vaia adiante se non se soluciona a base do problema: os vertidos da Limia e as depuracións.

Sobre este problema laméntanse os alcaldes dos tres concellos afectados: Muíños, Bande e Lobeira, lugares onde se colocaron uns comunicados para alertar da situación aos veciños, nos cales se recomenda non bañarse nin realizar actividades acuáticas.

«Quen se ocupa desto é Sanidade e a Confederación, nós somos desgraciadamente quen estamos a sufrir este mal. Estamos esixindo, desde que sabemos da existencia do problema, ás administracións responsables que tomen as medidas oportunas para que melloren a calidade da auga», explicou o alcalde popular de Bande, José Antonio Álvarez.

En semellantes termos fala o rexedor do municipio veciño, Muíños, tamén do PP, Plácido Álvarez Dobaño: «O problema é augas arriba, nós somos os sufridores. Os alcaldes tivemos unhas reunións onde citamos ao Goberno e ao presidente da Confederación, pero reunirse non solventa o problema. A solución? Unha depuradora non sería idea descabellada, pero necesítanse cartos e eu reivindicareino, por suposto, solo faltaría».

Finalmente, o rexedor de Lobeira, Antonio Iglesias Álvarez (PP): «A verdade é que non me teño fixado moito. As augas están verdes xa fai uns días, pero eu non teño estado pola zona».