«A excelencia non debería ter límite»

edith filgueira OURENSE / LA VOZ

XINZO DE LIMIA

Santi M. Amil

Un alumno de Xinzo con matrícula de honor pon en dúbida o sistema para concedelas

01 jun 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Dixo unha vez Einstein que «hai unha forza motriz máis poderosa que o vapor, a electricidade e a enerxía atómica: a vontade». E ocorre que, moitas veces, póñenselle límites ó esforzo -produto de ter unha gran vontade e dedicar horas ó estudo-. É o caso de dous mozos de Xinzo de Limia, do instituto Cidade de Antioquía, que recentemente remataron o Bacharelato e que estes días atópanse mergullados nesa voráxine de nervios e apuntes que preceden ás probas de acceso á universidade. Os seus nomes son Iago Rodríguez e Manuel Ángel Rodríguez e as súas notas medias só se diferencian por 0,05 centésimas, o que supuxo que a un se lle concedese a matrícula de honor e ao outro non. Sorte que, pese a todo, a desidia non fai acto de presenza nas súas forzas de vontade e aínda lles quedan ansias de reivindicar o que lles corresponde, como fixo Iago cando lle deron o recoñecemento, lembrándose do seu compañeiro. «A excelencia non debería ter límites», dixo exteriorizando os sentimentos compartidos co seu amigo. Todo para que quede patente que un 9,90 e un 9,95 son cifras, pero que detrás hai persoas con soños. E como dicía Carlos Casares nunha das súas columnas publicadas neste xornal, «está moi ben que aprendan de xeografía, pero mellor que aprendan a xeografía do corazón».

«A min déronme a matrícula cun 9,95 pero eu cría que había máis xente que a merecía, e sobre todo el, porque falaramos dous días antes do tema e entendemos que era inxusto, que ámbolos dous traballamos moitísimo estes anos e que non se outorgan dun xeito equitativo», explica Iago na media hora que teñen de descanso entre as clases de reforzo ás que estes días asisten para preparar os exames -que terán lugar os días 7, 8 e 9 de xuño-. O problema principal reside en que se estipula que non pode haber máis dunha matrícula por cada vinte alumnos, e na súa clase son 28. «O ano pasado eran trece persoas e tamén deron unha matrícula, o que fai aínda máis inxusta esta situación», incide seriamente.

«Estou moi orgulloso de que lle deran a matrícula a Iago pero non se pode esquecer que a xente con menos nivel tamén lla dan», conta Manuel coa sensatez do que recoñece as inxustizas pero non quere ferir sensibilidades. Porque neste caso, as mentes foron máis aló do encerado e dos libros de texto. As de Iago e Manuel son mentes críticas que aceptan as normas pero que entenden que sempre se poden cambiar a mellor.

Os seus horizontes de futuro oriéntanse cara a Medicina. É a primeira opción que contestan cando se lles pregunta que queren estudar na universidade. Pero tamén son conscientes da dificultade de entrar na carreira e de que a nota de corte do ano pasado quedouse no 12,2, polo que manexan a posibilidade de comezar Enfermaría e cambiarse máis adiante.

«Mal», resposta Manuel á pregunta de como atopan a educación. «Un desastre», engade Iago. O motivo destes cualificativos baséase en que souberon fai un mes a materia coa que se tiñan que enfrontar a Avaliación de Bacharelato para o Acceso á Universidade -máis coñecida como ABAU, aínda que co calvario do último ano algúns nin sequera saiban que a anterior PAU trocou en canto a contido e continente-. «Hai materia de segundo que outros anos entraba e este xa non, e soubémolo fai moi pouco, e o mesmo ocorre coa de primeiro porque dixéronnos que agora si entra pero non como nos ían examinar deses contidos», relata Iago. Trátase dunha promoción que cursou o Bacharelato con dúas leis diferentes: 2015-2016 baixo a Loe e 2016-2017 baixo a Lomce.

«O ano pasado dixéronnos que se escolliamos o inglés como primeira lingua poderiamos facer o selectivo con francés de calquera xeito e este ano, en marzo, dixéronnos que temos que enfrontarnos á proba de inglés», sinala Manuel, en relación a outro deses vaivéns aos que levan sometidos os últimos oito meses. Senten a frustración lóxica de quen durante anos enfocou as súas forzas en absorber todo o posible un idioma do que xa non se pode examinar e que ten dous meses para preparase noutro. E das notas das súas probas dependerá que poidan dedicarse a súa vocación ou escoller vías alternativas que ralentizarán a consecución das metas persoais. Aínda que as asignaturas da responsabilidade e do sentido común téñennas máis que aprobadas.