«A xuntanza da Real Academia Galega do 17 de Maio vai ser en Xinzo»

xosé manoel rodríguez OURENSE / LA VOZ

XINZO DE LIMIA

Santi M. Amil

O irmán do autor das Letras Galegas 2017 quere que a celebración mellore o coñecemento da súa figura e da obra

08 ene 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

As normas polas que se guía a elección da persoa á que se lle dedica o Día das Letras Galegas nas xuntanzas da Real Academia Galega fixan un límite temporal. Unha condición chamada a evitar que as homenaxes se fagan en datas próximas a cando aínda estaba a desenvolver a súa actividade ou a súa carreira profesional. Dez son os anos, logo do pasamento, e cando aínda non se cumpriran xa aparecía o nome de Carlos Casares (Ourense, 1941 - Nigrán, 2002) nas quinielas que sempre van aparelladas ás datas previas á xuntanza na que se adopta o acordo. Dende o 2012 o autor de Vento ferido era un dos creadores chamados a protagonizar o 17 de Maio e o ano que enceta será o que marcará unha nova etapa e a oportunidade de darlle outro pulo á figura, á obra e á memoria de Carlos Casares. O seu irmán Xavier exerce dende hai anos como presidente da fundación que leva o nome do escritor.

-Como cre que tería sido a carreira literaria do seu irmán?

-Tiña moito percorrido aínda. Era unha persoa moi implicada na cultura de Galicia, dende varios aspectos: como creador literario, como dinamizador dende o Consello da Cultura Galega -do que nos últimos tempos era presidente- e logo a través de Galaxia. E dalgunha forma era tamén un embaixador de Galicia no exterior, porque viaxaba moito e exportaba todo aquilo que podía ter interese fóra, ao tempo que incorporaba novidades que podían ter cabida na vida cultural galega. Fíxoo durante moito tempo e con 61, que foi a idade á que morreu, quedáballe unha longa traxectoria de vida para seguir aportando cousas na creación literaria e na dinamización cultural.

-En varias ocasións falouse del para o Día das Letras Galegas. Foi ao seu tempo?

-Nunca nos fixemos un prantexamento sobre este tema. Aínda que a min gustaríame que lle dedicasen as Letras Galegas cando vivía Kristina -a súa viúva- porque sabía que ía ter unha gran ledicia por ese recoñecemento. Fóra diso nunca pensamos cando llo había que dedicar, nin se o tiñan que facer. Hai moita xente á que aínda non llo deron e están aí, en lista de agarda.

-Como se afronta dende a Fundación Carlos Casares este ano? Que obxectivos se marcaron?

-A prioridade pasa por dar a coñecer a súa obra literaria. Non é todo o extensa que podía ter sido, ao non dedicarse en exclusiva á literatura, mais entre os valores engadidos están aspectos como o afondar en temas que tiñan pouca representación na cultura galega. Algunha das súas obras, como As laranxas máis laranxas de tódalas laranxas, encetou un ciclo no que se refire á literatura infantil e o mesmo aconteceu no teatro para cativos. E logo está toda a súa narrativa, dende Vento ferido (1967) a O sol do verán (2002), que debe ser coñecida porque ten aspectos importantes de Galicia e do sentir galego.

-Que proxectos teñen previsto desenvolver?

-Dende a fundación estamos moi centrados na organización dunha gran exposición sobre a figura, a obra e a traballo de Carlos. A nosa intención é que durante o ano percorra toda Galicia e logo quede instalada nun espazo determinado, que ben pode ser Ourense ou Xinzo de Limia. E logo haberá xornadas, encontros, conferencias e outras actividades para dar a coñecer eses aspectos dos que antes falaba: a proxección cultural, a dinamización, o espallar a imaxe de Galicia fóra e outras facetas.

-Xinzo e a Limia xogaron un papel fundamental na súa vida e alí foi obxecto de varias homenaxes. Desenvolverán algunha actividade no pobo?

-O acto central do Día das Letras Galegas. A xuntanza da Real Academia Galega do 17 de Maio vaise celebrar en Xinzo e a Limia será un punto clave nas homenaxes.

«Barallamos un premio literario, dedicado a unha obra ou traxectoria, ou xornalístico»

-Carlos Casares sempre dixo que o Liceo era a súa segunda casa. Vostede é presidente do mesmo. A entidade cultural vai promover algunha iniciativa?

-Algo faremos para pór en valor a súa relación co Liceo. Os Encontros Literarios foron iniciativa súa, sempre apoiada pola directiva, e arredor diso queremos propoñer algunha actividade. Por eles pasaron os autores máis representativos das literaturas española, catalá, vasca e galega. Rosa Regás, Caballero Bonald, Manuel Vicent, Juan Cruz e moitos outros.

-Ourense só acollerá as actividades do Liceo?

-Non. A cidade vai estar presente e haberá actos sobre as Letras Galegas e Carlos Casares durante todo o mes de maio. O Concello e a Deputación están implicados ao máximo nesta celebración e queremos facer grandes cousas. Antes de que llas dedicaran a Carlos levabamos 14 anos sen que un ourensán protagonizase as Letras Galegas e queremos aproveitar esa circunstancia.

-Fundación e Deputación ampliaron este ano o convenio de colaboración e anunciaron a creación do premio Carlos Casares. Daralle continuidade á convocatoria do Liceo?

-Será unha iniciativa distinta. É unha proposta da Deputación e haberá que estudala. Barallamos varios escenarios: un premio literario dedicado a unha obra, a unha traxectoria ou a unha carreira literaria. Tamén está a faceta xornalística de Carlos, á que Freixanes lle chamou «o seu libro aberto», que eran os artigos da serie A Marxe, que publicaba en La Voz de Galicia. Ao mellor por aí tamén podería ir o galardón, por esa vertente. En todo caso é unha proposta que estamos a valorar e que se vai pór en marcha neste 2017.

«As vivencias na Limia e en Beiro servíronlle para moitas historias literarias e artigos»

O autor homenaxeado coas Letras Galegas acadou un gran protagonismo nalgunhas das propostas, entidades e proxectos culturais máis sobranceiros da Galicia do pasado século. Aínda que encetou a súa carreira profesional como docente foron a actividade literaria e a dinamización cultural o seu espazo natural. Ademais de escritor e articulista -durante catorce anos só fallou un día ao seu encontro cos lectores de La Voz de Galicia: o do seu pasamento. Ao seguinte Á Marxe aparecía publicada en branco na súa memoria-, foi director de Galaxia, presidente do Consello da Cultura Galega e do PEN Clube de Galicia, entre outras cousas.

-A última obra de Riveiro Coello fai unha homenaxe ao seu irmán, ao tempo que o converte nun dos protagonistas, e á Limia. Sen ela non se entendería a obra de Carlos Casares?

-El naceu en Ourense pero aos catro anos marchou para Xinzo, onde o noso pai traballaba como mestre. Esa etapa foi moi importante para el e as vivencias daquel tempo serviron de material para a súa carreira literaria. O triángulo vital daquel tempo estivo marcado por Xinzo, Lamas e Sabucedo. Lamas era o pobo dos nosos avós e alí el, que era un gran escoitador, estaba nas tertulias que facía meu avó na lareira cos amigos que estiveran emigrados en Arxentina, Cuba e Venezuela e que contaban unhas historias fantásticas. En Sabucedo vivía un tío de miña nai que era médico republicano. E sabía moitas historias de maquis, porque atendía aos fuxidos cando eran feridos. E pola outra banda, xa en Ourense, está Beiro. Alí vivía un tío cura e a Carlos aquelas comidas e ceas de cregos, onde se contaban historias das súas parroquias e dos parroquianos, servíanlle de material para moitos textos e artigos.

-Tivo unha curta experiencia política. Como valorou a etapa?

-Para el foi unha experiencia moi positiva. O proxecto que tiñan os galeguistas de estar presentes no Parlamento de Galicia, dándolle un valor galeguista e de compromiso co país aos partidos como PSOE, UCD e AP penso que foi positivo para eles e para a cámara. A súa presenza, como a de Ramón Piñeiro, Alfredo Conde e Benxamín Casal foi valorada sempre por el como unha iniciativa moi boa.

-Rematouse de catalogar o seu legado. Apareceu algún texto ou obra inédita?

-Non. Hai documentos que non coñecíamos e que se están estudando, pero non textos literarios.