«O libro son 30 artigos con diversos temas para coñecer historias no noso esquecido pasado»

sindo martínez XINZO / LA VOZ

XINZO DE LIMIA

Edelmiro Martínez Cerredelo.
Edelmiro Martínez Cerredelo.

O escritor repasa a historia recente da comarca antelá no seu último libro, que presenta o día 20

06 may 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Edelmiro Martínez (1946) é un dos principais investigadores da historia da comarca da Limia, tras ter publicado varios textos nos últimos anos. O próximo día 20 de maio as 20.30 horas na Casa da Cultura de Xinzo, nun acto no que estará acompañado do antropólogo Manuel Mandianes, o escritor Antón Riveiro Coello e Manolo Seoane. Tamén estará no acto o Coro Aimil.

-¿Cal é a temática do texto?

-Neste novo libro, ao longo dos 30 artigos que contén, fago un percorrido por diversos aspectos da historia da nosa vila dos séculos XVIII, XIX e XX, ao mesmo tempo que reconstrúo recordos de feitos e lugares da miña infancia e mocidade. Vivencias persoais que nos levan a coñecer algúns aspectos esquecidos da nosa vila, dos anos 50 e 60 do século pasado, e a evolución urbana de Xinzo.

-En aspectos máis concretos, ¿cal foi a evolución dos cines na vila?

-A historia dos nosos cinemas é un dos artigos do libro. En Xinzo proxectáronse xa películas de cine mudo. A traxectoria é longa, dende a primeira emisión do cine mudo no casino a principios de século ata a actualidade. No libro lembro a apertura de distintos cinemas, na época dourada do cine en Xinzo na metade do século XX. 

-¿Que outros aspectos da nosa historia podemos atopar no novo libro?

-Leva temas moi variados como a relación dos condes de Gimondi coa Limia, a historia dos nosos retratistas, a historia da construción da igrexa nova, a chegada da electricidade a Xinzo, a historia de radio Ginzo-La Voz de la Limia. Hai outros aspectos como a historia e lembranzas do noso Entroido, e tamén a historia do fútbol en Xinzo dende o ano 1919. En total 30 artigos con diversos temas de interese para coñecer historias do noso esquecido pasado.

-Os seus textos ata agora foron monográficos, non de temas tan variados...

-Ata o de agora os meus libros foron monográficos pero ante a falta de documentación histórica suficiente para escribir un libro completo optei por outra alternativa. Tendo diversos artigos sobre distintos temas que non quería que se perderan e quedaran sen publicar, ocorréuseme xuntalos nun libro para coñecemento das actuais e futuras xeracións.