A cada cousa polo seu nome

La Voz EN POSITIVO

XINZO DE LIMIA

21 sep 2015 . Actualizado a las 12:05 h.

«Ao pan, pan e ao viño, viño» e «non confundir as churras coas merinas», son dúas frases ou expresións feitas das máis coñecidas. Veñen significar que ás cousas hai que chamalas polo seu nome, sen rodeos, sen subterfuxios, sen indirectas, sen eufemismos.

Ven ao conto isto, porque seguen sendo moitos os lugares da xeografía galega, nos que se anunciaron novas edicións de «entroido ou carnaval de verán». Nalgúns véñense celebrando dende fai varios anos, durante os meses estivais, con esta denominación, «entroido» ou «carnaval». Podemos destacar Redondela, Bueu, Corme, Salceda, Pontevedra, Carballiño, entre outros. Nalgún lugar, recibe o nome de «Entroido quente», nome máis orixinal. Non é cousa só de Galicia. Tamén fora da nosa terra, no Principado de Asturias se puxo de moda organizar estes «carnavais de verán», en lugares coma Luanco, Luarca, Amieva ou Villaviciosa, por citar algún deles. A moda chegou incluso a Londres, no Notting Hill Carnival.

Tamén na cidade de Ourense está anunciado para este mes de setembro. Hai anos que nesta cidade, aló polo ano 2005, naceu un «entroido de verán». No 2007, con ideas políticas distintas no goberno da cidade, esta denominación foi transformada na «festa da vendima», pero non tivo continuidade como tal. No ano 2014 rexurdiu de novo como «mascarada de verán», nome acertado, dende o meu punto de vista. Agora estase anunciando de novo como «entroido de verán» para o vindeiro 19 de setembro, con «concurso de disfraces» incluído.

Vaia por diante que a min persoalmente paréceme encomiable que nos pobos se celebren durante o verán cantas máis festas e eventos culturais sexan posibles. Tampouco cuestiono que moitas desas festas leven consigo, co lóxico ambiente musical e festivo, o elemento tan divertido dos disfraces, que se use a auga e a escuma como elemento lúdico e refrescante das mesmas e que a xente o pase ben, faltaría máis!. É máis, felicito aos organizadores deses eventos, porque sei o que traballo, dedicación e esforzo que leva consigo organizar.

A miña reflexión só se refire á nomenclatura. «Entroido», «Antroido», «Intrudo», «Intruido», «Entroiro», «Carnaval», son os nomes que, histórica e tradicionalmente, reciben as festas que se celebran inmediatamente antes da coresma cristiá. Teñen a súa orixe no termo latino «introitus» que significa entrada ou comezo. O étimo «introitus» (entroido) fai referencia, por un lado, ao significado da festa como entrada ou comezo da coresma, tempo forte da vida da Igrexa, caracterizado polas abstinencias e o xaxún. Por outro lado, ao paso do inverno á primavera que renace chea de vida. O termo «carnaval» ven, como o italiano «carnevale», do latín «carnem levare», no mesmo senso que estamos a dicir, «quitar a carne» ou «abandonar a carne», facendo referencia ao tempo coresmal. O termo menos usado «carnestolendas» ten a mesma orixe: de «caro-nis», carne e «tollere», quitar ou retirar, «carnes que han de ser retiradas ou quitadas».

Trátase da coñecida antítese entre «don carnal» e «dona coresma». Non imos deternos noutras teorías do século XX, que relacionan a festa do carnaval con «Carna», deusa celta das fabas e do touciño, que se celebraba tamén no mes de febreiro, marcando o final do inverno e a chegada da primavera e a actividade agrícola. Tampouco imos pararnos na relación do termo «carnaval» coas celebracións dedicadas ao deus indoeuropeo «Karna».

Esta antítese antropolóxica deu moito de si na literatura, dando orixe a fermosos textos literarios, como A batalla entre don Carnal y doña Cuaresma que se narra no Libro del Buen Amor do Arcipreste de Hita (século XIV) e nalgunha das églogas de Juan del Encina, entre os séculos XV e XVI, nas que decía cousas coma esta: «Hoy comamos y bebamos y cantemos y holguemos, que mañana ayunaremos», frase que se converteu, co tempo, en leitmotiv dos forofos do «carpe diem». Esa mesma antítese maniféstase en textos literarios universais, nos que as temáticas propias se nutren tamén do carnaval e da coresma, pois, sen facer referencia concreta aos mesmos, están impregnados dunha cosmovisión carnavalesco-coresmal. É o caso de La Celestina de Garcilaso (século XV), de La vida del Buscón de Quevedo (século XVII) ou o Juan Tenorio que José Zorrilla sitúa a mediados do século XVI. E así moitos máis.

Por exemplo: «Con el carnaval riñó la cuaresma; Él gordo y alegre; ella triste y seca. Él, pobre de ahito, murió en la refriega; y esta misma noche dicen que lo entierran. Ea!!, ¡Pobre carnaval, qué noche le espera!!. ¡Vamos a la fiesta!?, escribíu Francisco Martínez de la Rosa nas súas ?Obras Literarias».

Tamén na pintura quedou plasmada esta temática en obras como: El Entierro de la sardina e Disparate de Carnaval de Francisco de Goya (1812); La riña entre don Carnal y doña Cuaresma de Pieter Brueghel o vello (1559), Carnaval en Roma de Jan Van Bike Miel (século XVII), Carnaval en el Corso de Roma de Mariano Fortuny (1873), Carnaval romano de José Benlliure (século XIX), Carnaval de Joaquín Torres (1897), El carnaval en el boulevard des Capucines de Claude Monet (1873), Martes de carnaval de Paul Cezanne (1888), El carnaval del arlequín de Joan Miró (1924), Carnaval de Francisco Suñer (1982) e moitas outras obras realizadas no século XX e XXI.

No mundo da escultura, tamén se reflicte en varias localidades o valor intrínseco do noso entroido como signo de identidade dos pobos. No ano 1986 Laza converteuse na primeira localidade galega en erixir un monumento escultórico ao seu Peliqueiro, unha das máscaras máis representativas e antigas do entroido galego, realizada polo escultor ourensán Acisclo Manzano. Anos despois o Concello de Xinzo de Limia encargou ao escultor limiao Xosé Lois Carreira López un monumento dedicado á Pantalla. Foi realizado en mármore portugués e inaugurado no verán do ano 1998. No ano 2003 o mesmo Xosé Lois Carreira volverá a retomar a temática do entroido cando o concello de Verín lle encomendou a execución do monumento dedicado ao Cigarrón. Nese mesmo ano, Viana homenaxea ao seu entroido, erixindo o Boteiro realizado en bronce polo escultor vianés Manuel Ángel Rodríguez.

Tamén o cinema se fixo eco do carnaval no contexto no que o entendemos, con filmes coma Domingo de carnaval de Edgar Neville (1945), Martes de carnaval de Edmund Golding (1958) ou El último carnaval de Ernesto McCausland (1998), entre outros.

Con isto quero dicir que o entroido ten un nome orixinal, un contexto orixinal e unha praxe orixinal que deberiamos respectar.

O  «entroido» ou «carnaval», entendido «stricto sensu», representa unha riqueza histórica, cultural, festiva, etnolóxica e turística inconmensurable. En Galicia, particularmente en Ourense, esa riqueza chega a cumios moi elevados, pois a variedade de celebracións, personaxes e singularidades acada un nivel irrepetible. Son dos que penso que, lonxe de localismos, «triángulos» e concepcións cativas ao redor do noso entroido, deberiamos loitar por conseguir que o entroido galego sexa recoñecido como patrimonio inmaterial da humanidade e se converta nun reclamo turístico e cultural de primeiro orde.

Nalgúns lugares celébranse festas de verán, cheas de música, troula e disfraces. Paréceme estupendo. En Verín celebrouse con gran éxito a «Batucada de verán», «Festa de disfraces de verán», «Festas da Escuma», «Festas da Auga», chámanse noutros lugares. Son nomes alternativos, que respectan as nomenclaturas «entroido» e «carnaval». Isto paréceme moito mellor.

Sería impensable, que con afán de mellorar a oferta cultural do verán, de crear canles de mellora económica ou simplemente por ter un motivo de festa, a alguén se lle ocorrera organizar durante os meses do estío un «Nadal de verán» ou unha «Semana Santa de Verán». Non tería moito sentido.

Son dos que penso e opino que o termo «entroido» ou «carnaval» ten un valor intrínseco que non deberiamos usar mal. Non me parece un tema menor. Non facemos ningún favor á festa máis arraigada na nosa terra e con máis proxección nacional e internacional, usando o seu nome «entroido» ou «carnaval» para denominar celebracións festivas de verán, que veñen a ser copias, translacións, sucedáneos ou «trampastojos» da mesma.

Pero, xa digo, é unha opinión. Nada máis.