«Queremos atraer parellas novas para que vivan aquí»

María Cobas Vázquez
maría cobas O BARCO / LA VOZ

VILARIÑO DE CONSO

LOLITA VÁZQUEZ

Con 27 anos Melisa Macía é a substituta de Ventura Sierra, que dimitiu con 75 tras case catro décadas como rexedor

22 jul 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Melisa Macía naceu na parroquia de Soutogrande en 1990. Con 27 anos, desde o xoves é a alcaldesa (de momento en funcións) de Vilariño de Conso tras a dimisión do veterano Ventura Sierra. Nuns días collerá a acta de concelleiro Néstor Requejo e votarase de novo para elixir alcalde. Macía será a candidata do PP, que conta con maioría absoluta, polo que salvo sorpresa, será a elixida.

-Pasa Vilariño de ter un alcalde xa xubilado a estar liderado por unha moza, ¿que vai supor ese cambio nun concello onde a xuventude non abunda?

-Supoño e espero que poidamos atraer a xente nova, que sería un factor importante para desenvolver o concello. Agora mesmo en actividades fago moitas actividades, pero o tema está moi parado, quizais tamén porque tampouco hai moita xente que empuxe detrás que sexa da mesma idade ca min. Espero que sexa un cambio para atraer a xente nova, iso espero.

-¿E en proxectos?

-Eu quería desenvolver un plan para autónomos, para que se instalen no concello tanto autónomos como empresas, e así poder repoboar; queremos atraer parellas novas para que vivan aquí, e fomentar o emprendemento xuvenil. Igual que eu son autónoma, que outros o poidan facer e se asenten aquí. Atraer poboación é o que realmente nos fai falta. E acabar a residencia.

-Os veciños levan anos oíndo iso. ¿Para cando?

-Á residencia fáltalle unha fase para terminala, pero a esa fase fáltalle un empuxón grande. Creo que con ilusión e traballo que se fai todo, pero...

-Ten unha dedicación parcial, ¿pasará a ter exclusiva?

-Non, voume seguir mantendo. Non a vou cambiar porque eu quero que o meu traballo principal siga sendo a miña explotación de arandos; isto fágoo porque me gusta, e gústame axudarlle á xente.