Por amor á terra e aos animais

VILARDEVÓS

José Ángel Prieto loita contra os elementos e segue os pasos dos seu pais como gandeiro no municipio de Vilardevós.
José Ángel Prieto loita contra os elementos e segue os pasos dos seu pais como gandeiro no municipio de Vilardevós. santi m. amil< / span>

Pese ás dificultades do sector, un gandeiro de Vilardevós segue os pasos dos pais

12 oct 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Nos últimos tempos, escóitanse a diario os problemas que están a sufrir os gandeiros galegos. Desta vez son os produtores de leite, pero tamén os de carne de vacún veñen sufrindo unha perda progresiva de ingresos. A pesares diso, José Ángel Prieto Luis -un mozo veciño de Bustelo, no Concello de Vilardevós- colleu hai cinco meses a explotación de vacas vienesas na que toda a vida traballaron os pais. A nai, María Luis Danoz, aínda o segue facendo, só que agora está de baixa por mor dun contratempo cunha vaca que lle mancou un xemelgo.

José Ángel traballou seis anos nun taller mecánico e nas fins de semana axudaba aos pais. Pero a lesión da nai, unida á xubilación do pai, fixo que se decidira a dedicarse completamente á explotación. «Opereime dunha cadeira e había que deixalo», comenta o pai, Pepe, que se di satisfeito de que o fillo continúe. Para que puidese comezar, a nai cedeulle o mínimo de animais esixido, un boi e 36 vacas. Cunha subvención que lle deron, José Ángel comprou un tractor máis grande, xa que ten que traballar un monte de sesenta hectáreas para alimentar ás vacas, que se crían ao ar libre, en produción extensiva.

O traballo non colleu de novo a José Ángel: «Sabía como era. No taller tes un horario de traballo que che marca o xefe. Aquí sabes o que tes que facer pero o horario polo ti». Esa liberdade para organizarse é a que máis aprecian tanto o fillo como a nai no seu traballo, ademais de que aos dous lles gusta estar cos animais. «A xente que naceu con eles xa lles ten outro amor», ratifica María.

As 50 vacas e os corenta vitelos que crían dan traballo dabondo, pero menos que cando os animais se criaban na corte, lembra a nai. «Daquela tiñamos poucas vacas. Botábanse ao monte e logo traíanse a durmir. Hoxe paren no monte e non lles pasa nada. Teñen menos problemas», explica.

Ambos lamentan como diminuíron as axudas para os produtores de razas autóctonas, como a vienesa. Isto, xunto ca baixada de prezos da carne, fan que os ingresos sexan cativos. «A carne está máis barata que antes. Pagábase a 850 pesetas cada quilo de vitelo e agora págase a 4,5 euros no mellor dos casos», explican ambos. Pola contra, os gastos (penso, gasóleo) non deixan de subir.

Nun día calquera, José Ángel non ten que madrugar moito. Sube a dar de comer ás vacas catro rolos de herba cada dous días e emprega a mañá en repartila nos distintos grupos nos comedeiros de metal feitos por el mesmo. Porque el se ocupa de facer as instalacións da finca que está rodeada por seis quilómetros de «pastor» e tamén de rozar e cultivar o monte que lle cederon os veciños a cambio de limpalo. «Tes que vivir daquela maneira. Non temos diñeiro pero tamén non nos rouban», ri María.

josé ángel prieto, María luis e pepe prieto

«Antes cobrábase máis ou menos por ter razas autóctonas, pero agora non e a carne tamén está máis barata»

María Luis Nai

«Traballaba nun taller e decidín seguir coa explotación dos pais para que non se perdera e porque me gustan os animais»

José Ángel Prieto Fillo