«É unha sorte que un dos meus traballos estea na vila onde crecín»

María Doallo Freire
maría doallo OURENSE / LA VOZ

VILAMARTÍN DE VALDEORRAS

MIGUEL VILLAR

Alexandre Álvarez acaba de rematar un mural no concello de Vilamartín de Valdeorras

14 oct 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Alexandre Álvarez é o artista vilamartinés escollido para pintar o mural que dende fai uns días pode admirarse na fachada dunha das casas do lateral da N-120 ao seu paso por Vilamartín de Valdeorras.

-Que supuxo para vostede a realización do mural de Vilamartín de Valdeorras?

-Pois para min é unha sorte que un dos meus traballos estea no pobo no que crecín e tamén é un orgullo. Sempre hai a quen lle guste e a quen non, pero o feito de facer unha obra pola miña vila é algo que me fai sentir moi ben. Espero que quede aí moito tempo e que a xente poida desfrutalo.

Palma Roca

-Como o levou a cabo?

-Eu sempre tivera ganas de pintar no muro que hai detrás do polideportivo de Vilamartín de Valdeorras, quería renovalo un pouco, e en principio pensaba que o mural íase colocar aí. Unha cousa levou á outra e poñéndoo en común cos veciños decidiron que a localización final fose nun lateral da estrada N-120, onde a visibilidade a verdade é que é moitísimo maior. E así xurdiu, da noite a mañá, eu presentei un proxecto e o Concello encargouse de que todo saíse ben, tanto co material, coa axuda de Protección Civil e demais. Quixen centrarme no tema da viña porque é un dos oficios máis representativo do pobo e da comarca.

-Como xurde a súa vocación?

-Dende que era moi pequeniño me chamaron a atención as firmas nas paredes. Cando ía ao médico a Ponferrada, na viaxe sempre vía un montón de grafitis na estrada e alucinaba. Pasaba un luns e non había nada e o venres de repente iso estaba pintado. Eu quería saber como chegaban ata alí, como o facían e demais; e pouco a pouco vas coñecendo a xente que che vai indicando como tes que facer as cousas. Antes incluso, a miña nai poñíame papel polas paredes do corredor da casa para que non lle pintara directamente sobre elas, e cando se me remataba o papel seguía por detrás do radiador o por onde fixese falta.

-E en canto a formación...

-Comecei estudando o Bacharelato artístico en Ponferrada. Agora estudo ilustración na Escola de Arte Antonio Faílde en Ourense e ao mesmo tempo estou traballando nun estudo de tatuaxes da cidade, o Black Poison. Todo o que sei sobre pintura mural e grafitis aprendino de forma autodidacta, a verdade.

-Cando comeza a realizar pinturas de exteriores?

-A primeira vez que tiven un traballiño relacionado foi en quinto de Primaria, cando me pediron que pintase un mural polo Día da Paz, nunha parede do colexio ao que ía. Tamén fixen varios encargos para veciños: pintarlles un peche no que garda animais, un negocio de castañas, algún bar... pouquiño a pouco e aquí sego.

-Como é o seu traballo no estudo de tatuaxes?

-Levo cerca dun ano neste local ao que me abriu as portas o seu propietario, Marcos Turienzo. Estou encantado sobre todo co bo roio que hai tanto no traballo coma cos clientes. A maneira de aprender neste campo é autodidacta, voume informando, investigando e aprendendo cada día, tamén dos erros. Ninguén te ensina como tes que tatuar, partes dun debuxo e de aí vas crecendo, aínda co meu xefe tense implicado moito para que avancemos coma equipo e iso fai que aprendese moi rápido.

DNI.

QUÉN É

DNI. Alexandre Álvarez naceu en Vilamartín de Valdeorras en 1997 e namorouse da pintura, da ilustración e do arte mural cando era só un cativo. Debido a esta vocación innata decidiu cursar o Bacharelato artístico en Ponferrada e agora continúa a súa formación na Escola de Arte Antón Faílde de Ourense, que compaxina co seu traballo no estudo de tatuaxes Black Poison.

«A verdade é que aspiro a poder vivir do que fago comodamente e sen moito estrés»

O artista vilamartinés non ten soños ostentosos ou desproporcionados. Alexandre confórmase cunha vida tranquila na que poder aproveitar o día a día e saír un pouco dos estereotipos marcados. «A verdade é que aspiro a poder vivir do que fago comodamente e sen moito estrés», conta. Por suposto, para crecer dentro da súa profesión, a que el escolleu como tatuador sabe que relacionarse, observar e experimentar son fundamentais: «Quero poder viaxar todo o posible e coñecer á xente nova deste mundillo para seguir aprendendo, aprendendo e aprendendo».Aínda que ten nas súas mans, e nunca mellor dito, a toma de decisións para dedicarse a un ou a outro ámbito dentro do amplo mundo da ilustración, neste momento Alexandre decántase polos tatuaxes. «Basicamente agora estoume centrando no traballo de tatuar e todo o que aprendo na Escola de Arte intento enfocalo ao meu oficio», explica. De todas formas, non descarta continuar facendo obras murais como a da vendima en Vilamartín de Valdeorras: «Non deixo de facer obras murais sempre que se me presenta a oportunidade, é a maneira de crecer».