Recordos

María Cobas Vázquez
María Cobas DESDE O OUTEIRO

VILAMARTÍN DE VALDEORRAS

20 abr 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Houbo quen foi e se puxo en primeira fila, e quen incluso falou. Houbo quen emocionada miraba o acto de lonxe, contendo as bágoas apoiada no muro dunha finca na beirarrúa contraria. Habería quen decidiu chorar na intimidade da casa. E todas as opcións son a boa porque cada un vive a súa dor como quere. Ou pode. Vilamartín de Valdeorras cambiou para sempre hai 40 anos. E de seguro que cada 19 de abril a dor é incluso peor que o resto dos días do ano tendo que vivir con iso de que un fillo, un irmá, un neto... morreu un día cando ía camiño do colexio. É doado imaxinar a esas familias co corazón encollido a iso das dúas e media, recordando de maneira continua aquel último bico ao cativo (ou ao condutor) antes de que volvera á escola. ¿E se lle rifaron na casa porque fixo bola na boca coa carne? ¿E se ía todo contento? ¿E se tivera ido en bicicleta? ¿E se quedara na casa curando aquel catarro? E se... Supoño que os «e se» terán batido na cabeza de pais, irmáns, avós... durante todo este tempo. De seguro que eles non esquecen nin un só día. ¿E entón, era preciso un acto como o de onte? Era. Polas familias. Por eles. Por todos. Hai que recordar o pasado, as cousas boas e as malas. Porque iso fainos pobo. É necesario evitar que co paso dos anos vaia esmorecendo o recordo do que, sen dúbida, mudou para sempre a toda unha vila. E tamén dos que foron os protagonistas daquel tráxico feito. Non é cuestión de fozar na traxedia. Non é preciso andar sempre coa historia na boca. Pero é necesario, é imprescindible, recordar o que pasou. Polos que se foron. Polos que quedaron. Incluso polos que serán. Porque ata os que van nacer deben saber por que o pobo mudou, un día negro, para sempre.