«Hai que recuperar a memoria e manter a nosa tradición oral»

VERÍN

Santi M. Amil

O narrador verinense coordinou un libro de investigación sobre mitos e lendas da comarca

15 jun 2017 . Actualizado a las 07:54 h.

Xosé Carlos Caneiro (Verín, 1963) é un dos escritores de máis prestixio de Ourense. Licenciado en Xeografía e Historia e diplomado en Profesorado de Educación Xeral Básica é tamén colaborador habitual de varias publicacións, entre elas La Voz de Galicia. Caneiro  coordinou «Contos e lendas do Val de Monterrei», un insólito texto que verá a luz as oito desta tarde na biblioteca municipal de Verín. Trátase dun libro coral elaborado durante case dous anos e que recopila os contos de tradición oral do Alto Támega de temáticas moi diferentes.Alusións ás meigas ou demos, ou fabulacións sobre os moriscos teñen cabida no traballo. Os ingresos do texto irán para o fomento da lectura a través da biblioteca verinense. O libro porase á venda nos próximos días.

-En que intre xurdiu a iniciativa deste libro?

-Todo comenzou hai máis de vinte anos. Foi en 1996 cando un grupo de profesores decidimos de xeito desinteresado facer un traballo recopilatorio da tradición oral, de mitos e lendas da comarca. O texto fíxose coa colaboración dun grupo de alumnos durante uns dous anos. Permaneceu sen editar ata agora.

-Por que o texto ve agora a luz, logo de tantos anos?

-Decidín que era o momento de que se publicase non a través dunha editorial privada, senón polo propio Concello de Verín. Os beneficios que se obteñan da venda do libro serán cedidos para a biblioteca municipal, que está facendo dende hai anos unha labor encomiable. A selección dos textos foi un traballo moi arduo.

-Como se estrutura o texto?

-Está dividido en varios apartados, con mencións aos diferentes tipos de mitos que se relatan. Hainos de mouros, de meigas, vinculados aos animais. En moitos casos repítense en diferentes puntos da comarca. Hai outro aspecto chamativo e é que as ilustracións do libro están feitas tamén desinteresadamente por artistas moi destacados de toda a comarca, como pode ser o caso de Xosé Rivada o Leonardo Vidal, entre outros.

-Que tipo de lendas abundan?

-As de meigas e mouros son abundantes.Sobre todo as segundas. No seu día todos os rapaces do rural as coñecían xa que llas contaban os seus familiares, sobre todo os avós, pero agora están invisibilizadas e case ningún neno verinense ten este tipo de referencias da literatura oral.

-Cal é o obxectivo que pretende conseguir co libro?

-A finalidade básica é lograr que non se olviden estes relatos. A tradición oral non se pode perder. O texto busca recuperar e visibilizar a memoria histórica dunha zona. Coas novas tecnoloxías e o mundo da información actual, este xeito de transmisión de lendas está a esmorecer e pode caer no olvido. Algunhas destas historias veñen circulando dende o século XIX e son moi antigas.

-Aínda hai avós que conten estas historias?

- Pódense contar cos dedos dunha man os que hai agora na comarca. Hai que ter en conta que este traballo xa foi feito hai vinte anos. Todo parte de algo que agora mesmo deixou de existir, que son as conversas de lareira. Son elementos dunha tradición e do noso pasado que non se poden deixar morrer.