O triángulo máxico

Noela Blanco OLLADAS DESDE OURENSE

VERÍN

05 mar 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

En Ourense existe un triángulo máxico do entroido no que Verín, Xinzo, e Laza son os vértices desta festa centenaria que mantivo tradicións, conservou as súas figuras típicas e segue implicando aos seus veciños e veciñas para que participen. Este triángulo ten moitas outras paradas obrigatorias non seu percorrido pola tradición, a farra, e a boa comida: Manzaneda, Maceda, Vilariño de Conso, Viana, Bande, Melón e a propia capital da provincia.

Segue sen embargo esta festa sen ter o recoñecemento que merece dentro e fóra das nosas fronteiras.

Cando se achega o entroido, ocupan pouco máis dun minutos non telexornal, no apartado «outros entroidos», anexos sempre aos de Cádiz e Tenerife, que copan non soamente os comezos dos informativos, senón tamén o horario nocturno con galas retransmitidas cada ano por algunha cadea para todo o país, e emitido vía satélite a todos os continentes. Este ano escoitaba nunha destas retransmisións dende as illas, a unha presentadora dicir que emitían dende o «epicentro do entroido», e pregunteime que tiñan esas festas e non as nosas para encabezar ese ránking, e para que nos apostásemos fronte ao televisor a proclamar a envexa que sentiamos de Tenerife ou Cádiz, cando a tiro de pedra temos un entroido que rezuma tradición e farra en cada vila da provincia.

Soa case tan escandaloso como a campanilla dunha pantalla, os foguetes do domingo corredoiro ou ou son no ar das fustas dos peliqueiros que unha festa con tanta tradición non ocupe para nós o lugar que merece na lista de motivos de orgullo, será por iso precisamente polo que ningún dos nosos senlleiros entroidos é festa de interese turístico internacional, xa que é probable que nin sequera nós creamos que merece tal recoñecemento.

Unha festa que foi quen de sobrevivir á Guerra Civil e a posterior ditadura franquista, que aínda que non a permitía tolerábaa facendo a vista gorda, e que é probable que algún día esmoreza nalgunhas vilas da provincia pola nosa indiferenza.