Daquelas castañas, estes soutos

PAULO VÁZQUEZ SUSTINEA

VERÍN

m. villar

Sustinea dedica novembro a unha das árbores máis importantes de Galicia

06 nov 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Os meses de outubro e novembro son os meses das castañas, tan importantes na nosa tradición co magosto como culme de festa de aproveitamento deste froito. Estamos a ver nas tendas do barrio e da aldea como as caixas de castañas son, cos cogomelos, o produto estrela deste mes. Os bares establecen reclamos en forma de pratos de tempada e na televisión os cociñeiros apuran os seus coñecementos na utilización de fariñas, doces e demais derivados para sacar partido ao, posiblemente, froito galego por excelencia.

Todo isto é punta do iceberg xa que os castiñeiros e os soutos que conforman a provincia de Ourense son microcosmos en si mesmos polo potencial económico dos seus produtos, a tradición etnográfica e a biodiversidade que gardan. Na provincia temos unhas 20.000 hectáreas de soutos concentradas especialmente nas comarcas do macizo central, Valdeorras, Trevinca e Verín, o que supón a metade da superficie galega. Os nosos soutos comezan a ser un recurso económico para persoas mozas que, nunha mala época, están a apostar polo rural. A recuperación dos soutos supón unha grande vantaxe para o tecido rural ourensán, polo valor económico e polo valor ambiental.

A recuperación dos soutos supón a dinamización dunha economía sustentable respectuosa co medio como sistema produtivo e ecosistema intervido polo ser humano dende a colonización romana. Foron os romanos quen interviñeron na expansión do seu cultivo, que non na introdución do castiñeiro do que constatamos a súa presenza en Galicia dende moitos séculos antes.

Coa caída do imperio romano o seu cultivo sufriu un retroceso. Durante a reconquista cristiá os soutos estendéronse paralelamente cos viñedos impulsados polos mosteiros aos que se lles entregaron as terras. Vemos un claro exemplo coa presenza dos dous cultivos no entorno dos mosteiros de Santa Cristina e Santo Estevo.

Foi no século XVIII e XIX cando en competencia cos cultivos da pataca e do millo víronse afectados os soutos ourensáns polo chancro e a tinta o que provocou un gran declive das súas superficies. Na actualidade os soutos son un exemplo de aproveitamento integral no que a madeira, a castaña, o mel os cogomelos e o turismo establecen un sistema moi rendible.

A castaña segue e ser o produto estrela do mes de novembro na provincia de Ourense. A súa recollida supón un gran impulso na nosa economía e as máis de 81 variedades moven en Galicia un sector de máis de 40 millóns de euros, un sector que aínda precisa un salto na súa profesionalización e o motivo polo que o se produce o coidado selectivo dos soutos.

Grandes beneficios ambientais

Ambientalmente os castiñeiros son especies moi agradecidas xa que con poucoscoidados mecánicos de poda e silvicultura permiten obter un gran número de vantaxes. Nas comarcas castiñeiras de Ourensetamén proliferan os colmeares asociados ás flores do castiñeiro que aparecen entre xuño e xullo. Esta flores producen un mel de cor escura e sabor forte, moi apreciada en Europa. A presenza de colmeas nos soutostaménconlevaunhamaiorprodución de froito apremiada pola labor polinizadora das abellas.

Ademais de todo isto, os soutos representan as características dun bosque atlántico o que lle permite gardar as condicións de humidade e acidez do solo e asociarse a numerosas especies vexetais e animais.

O castiñeiro presenta bastante resistencia á acción do lume. Ten que ser intenso e prolongado para que sucumba. Cando é novo, ante un incendio moderado recupérase con notable rapidez. Castiñeiros de 10 a 15 anos, queimados no mes de xuño, recupéranse dous meses máis tarde. Nas súas ramas queimadas, conservan as follas mortas, agroman de novo os seus extremos con nova vida, contrastando o verde das follas formadas despois do incendio coas da cor castaña da follaxe morta. Na base dos troncos dos castiñeiros queimados, poucos meses despois do incendio, aparecen numerosos rebentos que medran vigorosamente, capaces de perpetuar as plantas nunha inesperada clonación. Cando se trata de castiñeiros de moucados e vellos podémonos atopar con exemplares que teñen a casca parcialmente carbonizada pero vemos que as ramas conservan a cor verde e viva a follaxe. Se a intensidade do incendio forestal non chegou a destruír os tecidos vivos do floema. Pódese afirmar que o castiñeiro é unha árbore que non a destrúen con facilidade os incendios.

O entorno dos soutos asóciase á presenza de numerosas especies de aves e mamíferos que se retroalimentan da gran diversidade de flora relacionada co seu ecosistema; tales coma rebolos, acivros, grande cantidade de pequenos morcegos que aproveitan os ocos das árbores para aniñar, algarias, garduñas, etcétera. Os soutos son espazos que pechan a esencia do pasado e do exemplo do futuro polo que deberíamos apostar na provincia de Ourense.

Proxectos de desenvolvemento rural para buscar solucións

Somos unha asociación medioambiental que traballamos en prol ao desenvolvemento sostible. Facémolo mediante diferentes proxectos de Desenvolvemento Rural, de programas relacionados coa educación ambiental e estudando o noso medio para buscar solucións ás súas problemáticas máis importantes e urxentes.

Dende Sustinea, ao longo do ano, levamos a cabo diversas actividades. Relacionadas co voluntariado ambiental, con campos de traballo, cas campañas de sensibilización, actividades en familias, rutas temáticas, campamentos ambientais, intercambios xuvenís europeos, estudos de fauna e flora, Servizo de Voluntariado Europeo, entre outros proxectos que podes coñecer mellor na nosa web e no noso Facebook.

Cogomelos asociados á supervivencia dos castiñeiros ourensanos

Micolóxicamente temos na provincia de Ourense máis de trinta especies comestibles de cogomelos asociadas aos castiñeiros entre as que poderíamos destacar os boletus, cantarelas, russulas e macrolepiotas, entre outras.

Especies como os boletus poden ser micorrizadas coas raíces dos castiñeiros, unha opción que posibilita un beneficio mutuo entre a árbore e o fungo, establecendo unha maior inmunidade e resistencia a enfermidades por parte da árbore. Isto tamén produce un novo recurso aproveitable do monte. Os fungos, ademais, son grandes descompoñedores. E por iso posibilitan unha gran descomposición da materia orgánica o que facilita a súa absorción polas raíces das árbores mellorando así a súa productividade.

 

Máis información www.sustinea.com