Novas posibilidades, novos retos

Eloína Núñez XERENTE DA EOXI DE OURENSE, VERÍN E VALDEORRAS

VERÍN

23 jul 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Grazas ao esforzo, traballo e bo facer de todos e cada un dos profesionais que integramos a EOXI de Ourense, Verín e Valdeorras, os resultados de xestión das listas de espera para cirurxía, consultas e probas diagnósticas acadados no primeiro semestre deste ano pódense ollar con moito optimismo. Por vez primeira en moito tempo pódese dicir que ningún paciente ourensán espera máis de tres meses por unha primeira consulta, unha proba ou unha intervención cirúrxica. Temos por diante meses de moito traballo conxunto e de grande responsabilidade para por a disposición dos ourensáns o Hospital 2050 que vai ser un referente nacional en canto a tecnoloxía e innovación e será tempo tamén para a posta en funcionamento do sexto centro de saúde da cidade que será o de O Couto.

Ademais Ourense está a implantar con éxito o programa de cancro colorrectal, para previr a mortalidade e reducir a súa incidencia a través dun diagnóstico precoz, e tamén desde principios deste ano un ambicioso plan de pacientes crónicos e pluripatolóxicos que ten por obxecto dar unha atención personalizada ao paciente desde os centros de saúde e así evitar a reagudización dos seus procesos nunha provincia na que temos a maior taxa de envellecemento nacional.

Debemos aproveitar tamén as posibilidades que ofrecen as novas tecnoloxías da información e comunicación para incrementar a accesibilidade do cidadán ao sistema sanitario potenciando sobre todo os servizos non presenciais como son xa unha realidade a implantación da consulta telefónica co médico de cabeceira , o Plan Conecta 72 ou a plataforma dixital e-saúde.

Son moitos e apaixonantes os retos que se presentan pero todos eles sempre centrados na busca dunha atención integral, continua e personalizada dos nosos pacientes.

Eloína Núñez é xerente da Estrutura Organizativa de Xestión Integrada (EOXI) de Ourense