Alberte Blanco: «Verín e A Limia serían distintos de ter tren»

VERÍN

O autor presenta hoxe á tarde un libro sobre a historia dos camiños de ferro no que critica o trazado do AVE

11 mar 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

O exdirector xeral de Montes Alberte Blanco Casal presenta (20.00 horas, Casa da Cultura de Verín) o seu libro  sobre a particular historia da liña ferroviaria entre Zamora e Ourense. O conflito de intereses no camiño de ferro de Zamora a Ourense desmitifica «lendas urbás» coma o do suposto asasinato do enxeñeiro Fernández España. Blanco ten certo que a actual liña do AVE repite os erros prantexados nos anos 20 do pasado século e non transcorre polas zonas máis poboadas do sur ourensán.

-¿Cal é a causa de que a liña ferroviaria fora deseñada por plenas montañas e macizos e non polo val de Monterrei ou o da Limia?

-Confluíron nos anos 20 unha serie de motivos. En primeiro lugar o proxecto da empresa constructora MZV polo trazado actual xa estaba validado no colexio de enxeñeiros. O interese corporativo primou. Por outra banda, os poderes provinciais da época da dictadura de Primo de Rivera argumentaron que unha modificación do trazado retrasaría a execución do proxecto. O final foi unha decisión política.

-¿Pensa que ese erro tamén se repite agora de novo co AVE?

-Si, sen dúbida. Na pasada década fíxose un proxecto que se presentou ante Rodríguez Zapatero no seu día, pero de novo non se tivo en conta. O lóxico sería ter prantexado naquel intre unha liña que pasara polas zonas máis poboadas e desenroladas do sur de Ourense, pero non foi así.

-¿Houbo outros proxectos de liña férrea?

-Si, pero desbotáronse. Xa no século XIX houbo un de Eduardo Chao entre Vigo e Barcelona e outro de Benigno Gallego de vía estreita por Ourense-Laza-Chaves e Laza-Benavente, e os frustrados tranvías Ourense-Verín e Verín-Chaves. No século XX, en 1926, xa se plantexou o de Luis André, que puxo sobre a mesa o trazado Verín-Xinzo-Allariz-Ourense. Tamén foi desatendido.

-Existe unha lenda sobre o suposto asasinato dun enxeñeiro, Fernández España, que propoñía unha liña alternativa. ¿É certa?

-Penso que é unha lenda. Non hai datos rexistrados sobre o accidente de tráfico no que morreu Fernández España, pero o certo era que el apoiaba o trazado actual, pola montaña. Esa lenda aseveraba que algunha xente puido matalo porque non querían que pasara por O Val de Monterrei. Iso tamén é falso, xa que, en xeral, a maioría dos poderes locais de Verín si estaban a favor de que pasara por esta vila o tren.

-¿Como terían sido o val de Monterrei ou A Limia cunha liña férrea?

-Verín ou A Limia serían distintos de contar con liña férrea. Ambas comarcas teñen importantes sectores como a pataca, o viño, o termalismo. Ambas estiveron moi subdesenvolvidas durante décadas en canto a comunicacións ata a apertura de autovía A-52.