Soraya coloca a Edelmira

Xosé M. Rodríguez ANACOS

VERÍN

19 nov 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Por un cargo no se puede vender una comunidad» (Soraya Sáenz de Santamaría en relación á actitude de Artus Mas). «Pero unha provincia si» (Anónimo).

A elaboración das listas electorais é sempre un exercicio de poder e de influenzas que amosa intereses, lealdades, traizóns e un fermoso espectáculo de liortas que co paso do tempo sempre dá moito xogo para as confidencias, segredos e contos en boa compaña. Historias interesantes para saber como se foi artellando o país e os movementos de poder; episodios canallas por veces. No futuro próximo un destes capítulos de referencia pasará por Soraya Sáenz de Santamaría e a súa adxunta na vicepresidencia do Goberno. A muller máis poderosa do Estado deixou en evidencia a todo o PP da provincia de Ourense, co seu presidente á cabeza, para colocar de número un para o Senado á súa colaboradora Edelmira Barreira. Un xesto que pode ter moitas interpretacións, do papel de paracaidista da candidata -que pasou de nacer en Verín a nacer en Ourense en poucos días segundo o Portal de Transparencia do Goberno-ao nulo coñecemento e presenza na provincia, mais cun resultado que non deixa lugar a dúbidas: e elexida terá garantido o seu posto no Senado os vindeiros catro anos e non terá que deixar Madrid máis do estrictamente necesario. Aínda que a vicepresidenta tamén sembra incertezas coa súa imposición. ¿Tan mal está a cousa que non ten claro que a súa adxunta poda seguir traballando para o Goberno despois do 20D?